A consolidación da Literatura Infantil e Xuvenil
UN HORIZONTE DE CONSOLIDACIÓN PARA A LITERATURA INFANTIL E XUVENIL GALEGA[1]
Primeira parte
Ánxela Gracián[2]
Editar en tempos de crise
A grave crise económica que atravesa o país dende hai xa máis de dous anos, afecta sen dúbida moi especialmente o sector do libro. Para moitos selos editoriais a crise está a ser un alto valo difícil de superar que os obrigou a pospoñer os seus proxectos máis custosos, a reducir investimentos ou a adiar os pagamentos dos dereitos de autor. Pola súa parte, a Administración non contribuíu a paliar a situación, dado que reduciu de forma considerable as subvencións coas que viña axudando a unha estabilización e normalización do sector, deixando ao pairo a numerosas editoras e obrigando a outras a reconsiderar a súa programación anual. No entanto, son tamén moitos os que entenderon que a crise lles había servir de acicate para buscar novas estratexias de mercado, así como para reflexionar no que se estaba facendo e, sobre todo, para buscar políticas de edición rendibles. Sexa cal for a situación interna de cadaquén, do que non hai dúbida é de que a crise non influíu na entrega, no ánimo e na capacidade creadora dos nosos escritores/as, ilustradores/as e editores/as de literatura infantil e xuvenil. Xa que logo, tras unha década do novo século XXI traballando en conxunción a prol da consolidación dun xénero, estamos no momento de afirmar que, a pesar da etapa difícil que atravesamos, a situación da literatura infantil e xuvenil galega e todo o que a rodea, enveredou polo camiño da consolidación como xénero e da calidade como produto. Cómpre tan só observar a demanda do mercado; o investimento na renovación das bibliotecas escolares; a creación de campañas de animación á lectura; a aparición dun bo número de clubs e outros novos espazos para ler, -plataformas todas elas nas que a lectura abandonou o ámbito escolar para entrar de cheo na vida cotiá das familias-, así como o interese que os medios de comunicación, as feiras culturais, os novos plans de estudo e mesmo distintos foros públicos de debate, prestan ao xénero. Tamén 2010 foi declarado pola Consellería de Cultura o Ano do Libro e da Lectura e o ano en que IBBY (International Board on Books for Young People) decidiu escoller como sede do seu 32º Congreso Internacional de Literatura Infantil e Xuvenil, Compostela, cun lema que nos define como país A forza das minorías, porque fala de nós, da situación das literaturas escritas en linguas en posición de periferia.
Todo este magma de creación, edición, debate e reflexión que se foi forxando ao longo da última década e que culminou no ano 2010, dá lugar a unha nova xeración formada, non só por profesionais do libro, -editores/as, ensinantes/as, blibiotecarios/as, libreiros/as e mediadores/as, en xeral, senón tamén por pais e nais que se asesoran para ofrecer lecturas aos rapaces/as que eduquen en valores, porque se comprendeu que ler enriquece, abre a mirada, construíndo cidadáns e cidadás mellores para o futuro, máis libres, máis conscientes e máis capaces.
Novos selos editoriais, novos mercados, novos retos para pensar o futuro
Ante a nova política autonómica, que reduce o número de horas do galego nas aulas, tanto de ensino como de lingua vehicular, e que aposta polo incremento do inglés, houbo que cambiar planificacións, programacións, libros de texto; neste sentido algunhas editoriais xa consagradas no mercado poñen en marcha novas coleccións de textos trilingües (Ediciones del Viento; Nova Galicia). Tamén algúns novos selos editoriais, como Triqueta verde, adaptaron o seu catálogo aos novos temos dando ao prelo edicións bilingües galego-inglés, con títulos pensados para asumir estes novos retos, (Os lunares de Lola. Lola´s dots de Xoana e Raquel Álvarez) mentres que outros selos editoriais que tamén se estrearon no 2010 como El patito editorial, Danu Editorial e Barbantesa viñeron encher ocos que o mercado estaba demandando, nunha clara aposta polo mundo da banda deseñada, impresións a petición e novos espazos para a a novela e a tradución respectivamente.
Oleada de libros electrónicos
Tras do anuncio da invasión de ebooks e plataformas dixitais, algúns títulos dos catálogos de varias editorias galegas (Xerais e Galaxia) están dispoñibles en formato ebook a través da propia web das editoras coa intención de ir incorporando progresivamente máis títulos ata poñer en formato dixital descargable para os lectores electrónicos a totalidade dos catálogos. Nesta liña de novos soportes, a Editorial Galaxia presentou, en colaboración con Perro Verde Films, as versións trilingües, con posibilidade de personalizar o texto, así como con efectos de son e animación das personaxes adaptados para iPad e iPhone, dos contos Puag, que noxo! e Un can no piso!, de Fina Casalderrey (ilustrados por Xan López Domínguez e Kristina Sabaite); Quen son?, de Alicia Borrás (con ilustracións de Andrés Meixide); Conto para non comer, de Aceite (tamén ilustrado por Andrés Meixide) e o que se considera xa como o primeiro álbum ilustrado de autoría galega, Voces na lagoa do espantallo de Xan López Domínguez. Así mesmo, tamén puxo no mercado, en colaboración con Continental Games e Moonbite,a excelente adaptación feita por Xavier Senín do conto de Andersen O soldadiño de chumbo nun innovador formato 2.0, con texto ilustrado, unha curtametraxe de adaptación e unha aplicación para iPad que destaca polo "galego", tanto da súa ambientación como do seu contido, con personaxes como o cigarrón do entroido de Verín ou a súa localización no Museo do Xoguete de Allariz. O 2010 tamén foi o ano da creación de Redelibros, que puxeron en marcha as editoras Xerais, Kalandraka e Factoría K, en colaboración coas librarías Cartabón, Paz, Mazinguer e Cronopioslibros e coa asociación Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), que se sustenta na alianza das redes sociais como un dos soportes máis valiosos para fomentar tendencias lectoras.
A definitiva consolidación da narrativa xuvenil como xénero
Reedición de dous clásicos xuvenís
O ano 2010 é o ano da reedición de dous dos libros máis emblemáticos da literatura xuvenil galega; o primeiro, que se edita por primeira vez en Bos Aires no ano 1961 e que, ben que nace sen a etiqueta "xuvenil", pronto as sucesivas xeracións de lectores mozos a converteron en súa; estamos a nos referir a Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas que vén de ser editada por Galaxia, mantendo as ilustracións orixinais de Luis Seoane. A segunda novela que marcou un antes e un despois no eido xuvenil publícase en 1985, ano no que a narrativa xuvenil nace con vontade de tal, isto é, de se dirixir a ese tramo lector. Falamos de Todo ben de Manolo Rivas, que vía a luz na colección Fóra de Xogo que Edicións Xerais de Galicia viña de poñer en marcha para dar conta das necesidades deste novo colectivo e que conta hoxe por máis de cento trinta e dous títulos de moitos dos nosos mellores autores do xénero. A reedición deste clásico inaugural que conta a historia do asasinato dun rico emigrante galego no Brasil, en clave de novela negra con acordes sentimentais e paixón futbolista conta coa revisión do autor.
Premios narrativa xuvenil
En canto á colleita de premios 2010 do ámbito da narrativa xuvenil, destacamos, en primeiro lugar, a Marcos Calveiro (Vigo, 1968), que continúa unha traxectoria ascendente, tanto no nivel de calidade e orixinalidade nas súas obras como no de galardóns obtidos. Gañador do Lazarillo de Narrativa Xuvenil
2009, coa obra O pintor do sombreiro de malvas, que recrea os últimos anos da vida do pintor impresionista Vicent Van Gogh nun rexistro que xa é marca de estilo, que consiste en novelar a intrahistoria da historia, é dicir, a vida cotiá de grandes personaxes que cambiaron o curso dos acontecementos, sen grandilocuencias, exaltacións nin fastos, senón tan só como heroes de carne e óso, que se enfrontan ao mundo cos seus medos, dúbidas, desexos e frustracións; tamén, cos seus soños. Marcos Calveiro tamén resultou gañador do premio Raíña Lupa 2009 coa obra Centauros do Norte, novela ambientada na revolta mexicana de Pancho Villa que aínda non viu a luz. Nesta mesma liña temática de novela histórica con tratamento intrahistórico debemos situar Settecento (finalista do premio Edebé), que finalmente se pode ler na colección que Edicións Xerais de Galicia destina a novela para adultos. Este libro, cuxo argumento gravita arredor das angueiras vitais do músico Antonio Vivaldi nunha Venecia dominada polo poder das grandes familias nobres, e que remata coa dor do exilio dun home desolado e baleiro, cara á súa Viena natal, cando todo xa na súa vida é inverno, sen dúbida, dá conta dese escritor sen fronteiras nin marcas de idade que é Marcos Calveiro, capaz de satisfacer as exixencias e expectativas dun público amplo. Continuando coa mención dos principais premios de literatura xuvenil, temos que nos referir a ausencia do Caixa Galicia, convocado anualmente por Edicións Xerais de Galicia en colaboración coa Fundación Caixa Galicia, agora NovaCaixaGalicia-ClaudioSanMartín, que non viu a luz o ano pasado, pero cuxa convocatoria xa está aberta para este ano 2011. No entanto puidemos ler no 2010 a novela finalista do IV Premio Caixa Galicia da convocatoria anterior, Dragal: A herdanza do dragón de Elena Gallego Abad (Teruel, 1969), que aposta pola liña da literatura de sagas, segredos, misterios medievais, dragóns e outros universos mitolóxicos que xa forman parte do imaxinario dos rapaces a partir do grande éxito de novelas como Harry Potter de J. K. Rowling ou Crepúsculo de Stephenie Meyer. A novela, primeiro título dunha triloxía, incorpora elementos identitarios galegos e incide no feito de crear un universo marabilloso conforme a cultura galega. O premio "Meiga Moira", convocado por Baía Edicións, recaeu na novela Ninguén nace antetempo de David Vázquez Álvarez, lustrada por Xan López Domínguez, vilamartinés, docente de profesión e autor de obras como Orballo da mañá ou Améndoas e flores silvestres, na que se analiza o rol feminino ao longo da historia. Costa Necrópole. Escenarios para deslembrar, da escritora maiense Mariña Pérez Rei, (premio Lueiro Rei e Premio Eusebio Lourenzo Baleirón) foi a obra seleccionada polo xurado do Certame Literario de Relato de Aventuras, convocado polo Concello de Noia, "Antón Avilés de Taramancos" na súa novena edición. A obra relata a historia dun rapaz subsahariano que traballa despezando barcos nunha praia mauritana e que emigra a Europa na busca dunha nova vida mellor.
Alén dos premios
Cun concepto de fondo tan novo na promoción da lectura como o bookrosing que invoca o azar e pon ás a lectura, destacamos a novela de protagonista adolescente A paixón de Alexandra de Xulio Ricardo Trigo, (Betanzos, 1959), escritor, tradutor e artista plástico afincado en Cataluña e autor de bos títulos de literatura xuvenil. A novela convida a gozar da palabra de Murakami e o alter ego da protagonista, a poeta arxentina Alejandra Pizarnik á que descubrirá a través dos libros que un misterioso personaxe vai poñendo no seu camiño. Continuando coa novela de protagonista adolescente que vive experiencias iniciáticas que determinarán a súa maneira de entender o mundo, atopamos a intelixente proposta Na cerna da selva (Sotelo Blanco, doceporvintedous) do autor catalán Pere Tobaruela, instalado en Galicia para que a lingua non é xa unha barreira. A medio camiño entre a novela de aventuras e a narrativa de viaxes, en diálogo intertextual con Josep Conrad, o obra que conta a peripecia dun adolescente nunha África profunda e ancestral que vive sumida no corazón das tebras, supón tamén unha defensa das minorías étnicas e do seu xeito de vida. De viaxes que nos constrúen porque nos amplían horizontes do noso eu proxectados noutras paisaxes fala tamén esta singular primeira novela A viaxe do Ser, (Xerais, Fóra de Xogo) dun descoñecido e prometedor Manuel Pérez de Lis Álvarez, na que o viaxeiro, ao sentido machadiano, desprovisto de equipaxe, realizará o ascenso por un río intimista situado na xeografía montañesa dos Ancares, descubrindo a beleza de cada recanto, as profundidades dunha natureza en estado salvaxe e a fauna e xentes que a habitan. Dentro da liña de novela histórica xuvenil, cómpre mencionar o título O segredo de Marco Polo, (Galaxia, Costa Oeste), ambientada na Venecia do século XIII, con intrigas de palacio, guerras e sobre todo, amor, protagonizado por unha personaxe que debe enfrontar o seu destino de soldado do Dogo, namorado de Naia, fermosa principessa da lagoa, polo de viaxeiro, de Francisco Castro, (Vigo, 1966), escritor que se inicia na narrativa para adultos con varios importantes premios no seu haber (Blanco Amor ou García Barros) e que leva xa dando ao prelo nos últimos anos interesantes títulos de literatura infantil e xuvenil. Na mesma editorial e colección, ve a luz O esconxurador, novo título de Xesús Manuel Marcos, autor xa veterano no xénero épico con interesantes fabulacións arredor das nosas orixes. Nesta novela integra, nunha terra máxica e familiar, de espíritos, sanacións, relacións humanas e milagres, as múltiples persoas coas que se van atopando os seus protagonistas así como o encontro con pequenas lendas de sabor oral. Tamén outra das boas achegas do ano é unha selección de relatos breves, sen marcas de idade, escrita para padais exquisitos; referímonos a Menú de enganos (Galaxia, Costa Oeste), do sociolingüista e polifacético Manuel Núñez Singala, na que, dende unha estética que aposta pola condensación e a concentración que pula na forza narrativa de todo bo relato breve, exhibe un peculiar catálogo de enganos do máis variado ámbito, dende os sociais, aos amorosos, pasando polos identitarios. Continuando con novelas que xa constitúen xeitos de narrar moi queridos polos lectores de novelas de piratas e ambientes mariñeiros, viu a luz O tesouro da corsaria de Rafael Lema (Tambre Edelvives, Catavento), que recrea as aventuras do corsario camariñés da época de Napoleón Ambrosio Álvarez Pardiñas e que pecha a triloxía arredor deste personaxe que se iniciara con Capitán araña e Crónicas corsarias. Tamén dentro das novelas concibidas como series destacamos Corazón de Chocolate e A coroa de Napoleón de Santiago Jaureguízar nas cales hai que lle seguir ao pista a Tintimán pola xeografía galega.
[1] O meu agradecemento á Biblioteca Nova Caixa Galicia polo fornecemento exhaustivo de datos e préstamo de materiais cos que se realizou este anuario.
[2] Escritora, tradutora, editora. Colabora habitualmente como crítica de literatura infantil e xuvenil en revistas como Fadamorgana, Tempos, Etruria e da Rede de Selección da Fundación Germán Sánchez Ruipérez. Actualmente é vicepresidenta da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil Gálix.
Edita:
AGE (Asociación Galega de Editores)
Rúa das Hedras 2, 2º F 15895 Milladoiro AMES
Tlfno. 981 570 937
age@editoresgalegos.org
www.editoresgalegos.org
Presidente: Manuel Bragado Rodríguez
© Asociación Galega de Editores
Esta revista é publicada coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.



