Asociación Galega de Editores

 

 

 

 

 

 

 

FRANCISCO CASTRO

Semella que desta vez si. Que desta vai. Mellor dito: que xa vai indo.
E xa sei que se falou moitas veces do libro electrónico e que non, que parecía pero que non. Pero desta ten que ir.

Veredes. No prazo de menos dunha semana, este editor pasou, a mediados de novembro, por dous foros ben distintos pero para falar do mesmo. Por unha banda, os organizadores dos Encontros do livro infantil e xuvenil de Porto pedíronme que falase das novas tendencias na literatura xuvenil pero centrándome en como están a afectar a aparición dos dos novos soportes de lectura. Non hai espazo aquí para contar todo o que dixen sobre eBooks, iPads, iPhones, etc., é dicir, todos eses lugares onde imos ler a partir de agora; ou todo o que falei sobre narrativa transmedia, libros enriquecidos e demais novidades que xa non o son tanto. Porque, visto dende fóra semella como que nada disto está pasando de verdade máis que na teoría ou na cabeza dos que, coma min e coma tantos, nos movemos nestes (xa non tan) vangardistas mundos. Así que puxen exemplos concretos. Doutras editoriais pero tamén da nosa. Porque están a crearse xa libros concretos que non son papel. Que puidera ser que tamén sexan papel antes ou despois. Pero que xa non o son de todo. Contos que nacen xa como aplicacións. Literatura absolutamente electrónica. Por iso comentei, nese foro, que probablemente máis que nos preocupar de novas tendencias na literatura deberemos comezar tamén a nos preocupar sobre as novas tendencias de lectura. Porque iso é o que cómpre entender: agora un libro xa é outra cousa. Debemos desbotar un único significado para o concepto libro. Lembro que cando disto falei, un dos asistentes, na quenda da palabras, amosou o seu nerviosismo e dixo que se non tiña eu a sensación de que ao final a forma ía comer ao fondo, e que había o perigo de que rematásemos facendo videoxogos. Eu, que queren que lles diga, non o vexo así. Eu sonlles un tipo positivo. 

A miña resposta non pode ser máis ca esta: na nosa

man está facer libros electrónicos idiotas ou libros electrónicos dunha grande calidade que seduzcan aos lectores e lectoras e os traian para a literatura. E así é como volvo, máis que aos libros (de papel), á lectura (tanto nos ten o soporte).

Un aeroporto e dous días despois aterraba este editor en FICOD, en Madrid, no Foro Internacional de Contidos Dixitais para deixar de predicar e dar trigo. Presentabamos os primeiros contos en galego para iPad e iPhone (antes de fin de ano haberá moitas novidades nestes soportes). Non é cuestión de facer publicidade do propio, pero si de dicir que foron moi ben acollidas. Parecíalles sorprendente que unha editorial periférica fose quen de estar no cumio da onda tecnolóxica. E como anuncio, haberán máis sorpresas neste mundo en breve.

En FICOD, seminario tras seminario, café tras café con este e con estoutro, un entende que desta vez si, que os eBooks xa non son teoría, que a literatura-libro-lectura electrónica é unha realidade. E alí falouse de moito: cal terá que ser o modelo sostible para as publicacións dixitais (porque xa hai mercado), se é posible gañar cartos co libro dixital... Ficou claro que nós, os editores, imos seguir, ou deberíamos ser quen de seguir, desempeñando o papel de sempre, é dicir, poñer en contacto aos lectores (da pantalla) cos autores (de papel, ou de papel-pantalla, ou só de pantalla). Porque desta vai. Un dato que se nos deu alí é ben claro: Apple xa vendeu 2500 millóns de aparatos. Por outra parte, os distribuidores, as plataformas de distribución dixital, como Libranda, anuncian que o que lles preocupa é estar abertos a todas as canles que queiran vender contidos dixitais, que terán que ser accesibles para poderse ler de calqueira maneira (descargas, na nube...).

O libro volverase ubicuo.

Lectores e escritores seguirán sendo os únicos imprescindibles neste proceso.
Pero desta vai.

Edita:
AGE (Asociación Galega de Editores)
Rúa das Hedras 2, 2º F 15895 Milladoiro AMES
Tlfno. 981 570 937
age@editoresgalegos.org
www.editoresgalegos.org

Presidente: Manuel Bragado Rodríguez

© Asociación Galega de Editores
Esta revista é publicada coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Copyright, Aviso Legal, Política de privacidade e Accesibilidade

Co patrocinio de:
Cedro


esqueciches o contrasinal?