Asociación Galega de Editores

Logotipo Edicións Correo

 

R./Preguntoiro, 29, 15704

Santiago de Compostela

Tel.: 981 543 700

Fax: 981 543 701

http://www.elcorreogallego.es

http://www.galicia-hoxe.com

grupoelcorreogallego@elcorreogallego.es

 

Editorial Compostela

Edicións Correo

O 1 de agosto de 1878 nace en Ferrol o diario El Correo Gallego, cabeceira xornalística que ao longo da súa centenaria vida compaxinou sempre a súa tarefa informativa coa editorial, centrada esta de xeito singular na publicación de obras –desde o ensaio á novela, do teatro á poesía- vinculadas coa cultura galega.

Dos seus talleres ferroláns saíron á luz, entre outros, Pilara ou a grandeza d´os humildes (1920), do que fora director do periódico Manuel Comellas, ou Alén (1922), comedia dramática do tamén director Jaime Quintanilla.

A preocupación editorial da etapa ferrolá do xornal asenta na preclara nómina de persoeiros da literatura galega que dirixiron o rotativo e entre os que se contan, ademais dos xa citados, Ramón Villar Ponte ou Roberto Blanco Valdés, todos eles significados na revitalización da cultura propia e algúns, como Villar Ponte ou Quintanilla, no xurdimento das Irmandades da Fala.

Esa mesma preocupación editorial continuou na etapa compostelá do xornal, a partir de 1938 e baixo o selo comercial de Editorial Compostela, co seu fito máis singular na publicación de La Noche, a mediados dos anos sesenta, baixo a responsabilidade de Raimundo Domínguez, Borobó, cuxo suplemento semanal dos sábados reúne a boa e principal parte da cultura do momento, ao acoller nas súas páxinas todos os creadores galegos do momento.

En época máis recente, e froito da profunda reestruturación levada a cabo, continuou aquel compromiso editorial con outros destacados títulos, como O Camaleón Solteiro, obra en galego do Nobel Camilo José Cela, e unha longa nómina dos autores máis destacados do último século.

A empresa xornalística marcou de novo fitos nunca antes acometidos en Galicia coa súa Biblioteca 114 (1991), desde a que ofreceu outros tantos títulos da literatura galega nunha promoción sen precedentes de divulgación da nosa cultura, culminada en 1992 coa edición de 92 cintas-casete na que ademais de recoller obras musicais e intérpretes galegos, puxo por primeira vez á disposición do público un arquivo sonoro sobre as tradicións galegas e rescatou para a posteridade as voces dos nosos máis senlleiros escritores.

Para canalizar aquela vocación editorial a través dun instrumento adecuado, a empresa, configurada xa como Grupo Correo Gallego, crea en 1997 Edicións Correo, que encarreira todas as actividades de artes gráficas e de composición de textos.

No amplo catálogo de publicacións da Editorial Compostela figuran, ademais dos anuais ránkings das principais empresas galegas, ou os anuarios e axendas municipais e de comunicación, outra longa nómina de títulos que abranguen os temas máis variados, da creación literaria á divulgación, desde a gastronomía ao ensaio, da poesía á novela, "Fillos Adoptivos e Predilectos de Galicia", xunto a "Poeta en Compostela", xa cunha ducia de títulos editados, son os proxectos máis recentes.

 

 

Ano fundación: 1878

Cargos directivos:
Editor: Feliciano Barrera; Director de El Correo Gallego: José Manuel Rey Nóvoa; Director de Galicia Hoxe: Caetano Díaz Vidal; Xerente: Ángel Remesar Zabaleta

Prefixos do isbn: 84-8064

Linguas nas que edita: Galego e castelán

 

 

Copyright, Aviso Legal, Política de privacidade e Accesibilidade

Co patrocinio de:
Cedro


esqueciches o contrasinal?