A Asociación Galega de Editores está a traballar na promoción do comercio internacional a través de accións que dean a coñecer a produción do sector editorial galego, mediante asistencia a feiras internacionais do libro, co establecemento de relacións de intercambio comercial con gremios de editores de América Latina e Europa, e coa organización de formación especializada para os traballadores das empresas galegas da edición. O tirón experimentado por algunhas pequenas editoriais galegas no eido internacional dálle pulo ás iniciativas de traballo no campo do comercio exterior. No ano 2008 foron publicados pola AGE, co patrocinio da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, tres catálogos de dereitos: de literatura infantil e xuvenil, de literatura para adultos, e catálogo trilingüe de editoriais.
ORIENTACIÓNS DA INDUSTRIA CULTURAL NO MUNDO
Na segunda metade do século XX prodúcese un grande incremento das relacións e os intercambios transnacionais, ao ser o editorial un dos sectores máis activos da industria cultural. Esa enorme e complexa actividade de darlle popularidade e divulgación aos produtos culturais veu sucedida polos procesos de concentración e localización das grandes corporacións da industria cultural mundial. As empresas precisan rendibilizar os seus investimentos e necesitan abrirse a novos públicos e mercados.
O Libro Branco da Unión Europea establece as bases sobre as que se deben orientar as políticas culturais de cara ao novo século ao establecer sistemas abertos e elaborar estratexias internacionais que permitan que as empresas se alíen, e ten como obxectivo final a apertura dun terceiro mercado coa supresión de todo tipo de discriminacións así como asegurar a participación, sen exclusións, do seu pluralismo cultural e lingüístico.
Ligazóns relacionadas:
Ligazóns
Documentos relacionados: