Martes, 11 Xaneiro 2011
A narrativa galega que abrollou na década dos 80 posibilitou a profesionalización do autor, a aparición dun novo lector ou a ampliación de estéticas e temáticas que derivaron na actual etapa de madurez do sistema literario galego. Así o apunta a escritora e profesora de Literatura Galega na USC, Dolores Vilavedra na obra que acaba de tirar do prelo Galaxia, A narrativa galega na fin de século. Unha ollada crítica dende 2010. Un volume que analiza esas mudanzas sen pasar por alto os debates ao redor do conflito lingüístico ou a busca do "gran texto" ou "grande autor" das nosas letras.
Fonte: Galicia Hoxe
Martes, 11 Xaneiro 2011
Dramaturgo, investigador teatral, activista, editor e "pianicida", engade con humor, Francisco Pillado (A Coruña, 1941) é ademais director de Laiovento. Unha editora que comezou a publicar as palabras expulsadas pola normativa oficial a comezos dos noventa e acabou loitando polo evidente: a normalización da lingua en tempos de recesión económica e demagoxia plurilingüista. Polo camiño, para varias xeracións de lectores foi o selo de Alain Badiou, Slavoj Zizek ou Pierre Bourdieu en galego.
Fonte: Xornal de Galicia
Martes, 11 Xaneiro 2011
Os recortes da Consellería de Cultura non acaban nas axudas á tradución. As dos grandes proxectos editoriais, coas que o departamento de Roberto Varela favorece a publicación de títulos especialmente custosos, sexan orixinais en galego ou versións a partir de linguas estranxeiras, tampouco escapan ao tesoirazo. Fronte aos 300.000 euros consignados na convocatoria de 2010, as axudas repartirán nos dous próximos anos 194.000 euros, un 35,3% menos. O recorte, como confirmaba onte o Diario Oficial de Galicia (DOG), é superior ao das axudas á tradución (33%).
Fonte: Xornal Galicia
Domingo, 09 Xaneiro 2011
Dos Doce publica un adianto dos datos datos da enquisa realizada a 135 axentes literarios de Estados Unidos para coñecer as súas opinións ao redor dos libros dixitais. O 50% pensa que os e books están axudando aos autores de fondo editorial e o..... máis
n
Martes, 04 Xaneiro 2011
Alfredo Conde gañou o premio Nacional de Literatura (Xa vai o Grifón no vento, 1986), o Grinzane Cavour (Il Grifone, 1990), e o Nadal (Los otros días, 1991). Tamén foi deputado no Parlamento galego como independente no grupo do PSdG (1981-1993) e conselleiro de Cultura durante o Goberno tripartito presidido polosocialista Fernando González Laxe (1987-1990). Escritor, mariño e profesor, Alfredo Conde acubillouse na literatura porque dende que viaxou a Cuba con Manuel Fraga sentiu que era "un apestado. Editouse antes Romasanta en Rusia que aquí". Agora volve a primeira liña cunha novela policial (Huesos de Santo, Editorial Edhasa) que leva o lector ata o mesmo sepulcro do Apóstolo Santiago. Agora di estar liberado para escribir na lingua que queira. Desta volta elixiu o castelán.
Luns, 03 Xaneiro 2011
O autor lembra que o Brais Pinto tivo a "valentía de protestar por Galicia en Madrid"
Bernardino Graña (Cangas do Morrazo, 1932) leva toda unha vida escribindo. Nos primeiros anos, os seus versos apareceron en castelán, pero daquelas poesías iniciais non quedan nin as lembranzas, xa que Graña non quere nin recordalos. O seu verdadeiro inicio poético comezou en 1958 co Brais Pinto co título Poema do home que quixo vivir. Con esa primeira obra, comeza a escolma Ser auga, darse en auga realizada por Miro Villar e que percorre 50 anos de poesía de Graña. O poeta de Cangas xa ten ese libro nas súas mans e durante esta entrevista non deixou de ollalo coa curiosidade de volver ao seu pasado literario. "Toda unha vida aquí metida", dixo Graña ao ver o libro no salón da súa casa en Culleredo.
Luns, 03 Xaneiro 2011
O Pleno do Senado do próximo día 18 será o primeiro no que se admita a posibilidade de expresarse nas linguas cooficiais do Estado
As linguas cooficiais entrarán de froma normalizada no Senado español no primeiros pleno deste período de sesións, os próximos 18 e 19 de xaneiro. A Cámara Alta cumprirá así a reforma do Regulamento acordada por todos os grupos parlamentarios para ampliar o uso das linguas cooficiais, xurdida por mor da iniciativa que presentaron 34 senadores, ningún deles encadrados no nacionalismo español. O uso dos idiomas cooficiais custará 11.950 euros por sesión, cifra moi criticada, precisamente, polo nacionalismo español, que o considera un gasto superfluo. Mentres que as axencias españolas informaron onte polo miúdo do gasto que supón o novo servizo, non informaron pola contra dos postos de traballo que se crearán.
Mércores, 22 Decembro 2010
A libraría Couceiro de Santiago acolleu na xornada de onte a presentación dunha nova ferramenta de personalización de publicacións creada por Meubook. Esta aplicación on-line xera unha caricatura a partir dunha fotografía, e posteriormente insire o personaxe nunha historieta da familia Bolechas, os famosos personaxes creados polo debuxante Pepe Carreiro.
A aplicación, accesible na web www.meubook.com, permite a calquera usuario bolechizarse en poucos minutos. Tan só hai que rexistrarse, subir unha fotografía, escoller as cores e o nome do novo Bolechas e elixir o idioma para o conto, que pode ser calquera da península, mesmo o aranés. A partir de aí "hai que meter catro datos, como en calquera web de comercio electrónico, para nuns días recibir na casa ou recoller na librería o conto personalizado".
Copyright © AGE, Asociación Galega de Editores
Asociación Galega de Editores
Rúa das Hedras 2, 2º F 15895 Milladoiro AMES
Tel.: 981 57 09 37
Unha maneira de facer Europa
PR521A_2011_16231
PLAN DE FORMACIÓN E
DEMOSTRACIÓN PRÁCTICA PARA O
USO E
ADMINISTRACIÓN DA
PLATAFORMA DE DISTRUBICIÓN
DE LIBROS E
CONTIDOS
DIXITAIS
"FONDOS PUBLICOS"
Copyright © AGE, Asociación Galega de Editores
Este proxecto está cofinanciado por Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER),
Ministerio de Industria, Turismo e Comercio,
Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica),
Plan Avanza.