Domingo, 20 Decembro 2009
A cita foi ás oito do serán dos menos oito graos máis literarios do Liceo Ourensán. Autoridades, editores, autores e demais convidados deixaron por un intre os abrigos xa que a curiosidade por saber dos vencedores era maior ca friaxe. Coa media hora de retraso das cousas importantes comezou un evento que trascendeu a escaleta prefixada. Cousas de Camilo Franco, presentador da gala, pero sobre todo xornalista afiado e ourensanista retranqueiro. Señoras e señores, primeira parte do evento: a da emoción e a nostalxia. Que era precisamente o que traslucían as facianas da xente de Nova Galicia Edicións, porque un cuarto de século de vida son moitos proxectos, moitas palabras no papel e iso foi o que lembraron Manuel Bragado e Carlos del Pulgar. Logo veu o recordo para un ausente persoeiro que se murcha por momentos na capital da Xeración Nós: Marcos Valcárcel, polifacético e agradecido, xenial no pensamento de todos.
Señoras e señores, segunda parte do evento: Con cambio de escenario e da chaqueta do presentador incluída, ademais dos ritmos rock enxebre dos Burgas Beat. Premio Isaac Díaz Pardo ao ilustrador do ano 2009 para A grande viaxe, de OQO Editora, con sucinto agradecemento de Marcos López, da editorial. Logo viñeron os chistes porque os conselleiros e demais próceres marcaron algún metro de "baleiro existencial" fronte ao señor presentador. Premio Neira Vilas ao mellor libro infantil e xuvenil do ano 2009 para A araña e máis eu, de Fran Alonso e Manuel G. Vicente e selo de Kalandraka. E o Camilo seguiu a orde de entrega que lle recitaba un provocativo e-book (o que vén sendo un libro electrónico). Foi o Premio Lois Tobío ao tradutor do ano 2009, para unha emocionada e humilde Eva Almazán ("prefiro darlle voz aos outros", afirmou), por verquer á lingua de Castelao os Contos completos I e II, de Edgar Allan Poe, da Editorial Galaxia.
O Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor do ano -autora, neste caso- pola súa traxectoria -breve pero intensa, neste caso- foi para unha Rosa Aneiros moi solicitada. Esta concesión ergueu as envexas do mesmo presentador, algo falto de galardóns, quen propuxo despremiar ao autores-as cuxo apelido remate en -eiro/s, véxase Aneiros, Caneiro ou Cunqueiro.
O Premio Ánxel Casal ao Libro de poesía ou teatro do ano quedou na casa. Levouno o Ciclo de Xúpiter, de Millán Picouto e a Editorial Linteo de Manuel Ramos; ambolosdous ben emocionados ao recoller. Neste punto os fashes dos fotógrafos escintilaron algo máis ao facer a entrega das estatuíñas o señor José Luís Baltar, presidente da Deputación de Ourense e protagonista de moitos teletipos ultimamente.
Xa metidos nos pratos fortes da noite -quitando o carpaccio de polbo e os follados de grelos- chegou o momento do Premio Ánxel Casal ao Libro de non ficción do 2009, que foi para o profesor Xesús Alonso Montero por Cartas de republicanos galegos condenados a morte: 1936-1948, de Edicións Xerais. Entregou o galardón o señor alcalde das Burgas Francisco Rodríguez aguilloado polos símiles entre a xestión municipal e a non ficción proferidos polo mestre de cerimonia. Entón chegou a clase maxistral do máster dos másters galegos en republicanismo que deixou coa boca aberta aos políticos das diversas cores presentes no salón.
E multiplicáronse os flashes porque lle tocou a quenda ao Premio Ánxel Casal ao Libro de ficción do ano, entregado polo conselleiro de Cultura, Roberto Varela, e recollido por Alberto Lema, flamante autor de Sidecar, outro título con fasquía de Galaxia, casa ben representada por Víctor F. Freixanes.
E chegaban as derradeiras badaladas da gala. "Imos rematar porque se vos ve cara de fame e non é fino que aos intelectuais se lles note a fame", anunciou Camilo Franco. E leu o merecedor do Premio Rosalía de Castro á iniciativa editorial do ano 2009: Fotobiografías sonoras, de Ouvirmos, que foi entregado nin máis nin menos que por Pedro de Andrés, Presidente da Federación de Gremios de Editores de España.
E por último, o Premio Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural do ano tocoulle nesta ocasión á empresa de telecomunicacións R (esos da internet por fibra óptica e a campaña Cámbiache o conto). Entregoulle a arxenta escultura a un directivo de traxe caro o señor Alfonso García Sanmartín, presidente dos editores deste país. Quen logo ocupou o escenario durante tres follas de discurso ben tecido. Quedaron claras as cousas para todos e, por se a alguén lle quedou algo de amargor nos beizos, os esforzados rapaces da Escola de Hostelería de Vilamarín distribuíron exquisita creatividade culinaria con clímax sabor viño tostado e amendoado alaricano. Grazas a todos e deica o ano que vén, senón mellor, quizabes con algo máis de calor.
AGE
Copyright © AGE, Asociación Galega de Editores
Asociación Galega de Editores
Rúa das Hedras 2, 2º F 15895 Milladoiro AMES
Tel.: 981 57 09 37
Unha maneira de facer Europa
PR521A_2011_16231
PLAN DE FORMACIÓN E
DEMOSTRACIÓN PRÁCTICA PARA O
USO E
ADMINISTRACIÓN DA
PLATAFORMA DE DISTRUBICIÓN
DE LIBROS E
CONTIDOS
DIXITAIS
"FONDOS PUBLICOS"
Copyright © AGE, Asociación Galega de Editores
Este proxecto está cofinanciado por Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER),
Ministerio de Industria, Turismo e Comercio,
Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica),
Plan Avanza.