Asociación Galega de Editores

Impresora Email

O pregón de Cid Cabido inaugura hoxe os actos da Feira do Libro de Vigo

Venres, 02 Xullo 2010

Nova: O pregón de Cid Cabido inaugura hoxe os actos da Feira do Libro de Vigo

O escritor Xosé Cid Cabido será o encargado de ler hoxe ás 19.00 horas o pregón da XXXVI Feira do Libro de Vigo, que abre as súas portas un ano máis na céntrica Praza de Compostela. Dende hoxe e até o próximo 11 de xullo, os vigueses poderán entrar en contacto directo cun total de 48 autores. O programa conta con diversas conferencias, encontros e a presentación dun total de case vinte novidades editoriais.

Os organizadores da iniciativa destacan que as súas expectativas son optimistas en canto ao número de visitantes e de vendas, nun sector no que a crise xa está a "tocar ás portas". Neste sentido manifestouse o presidente da Federación de Libreiros de Galicia, Xurxo Patiño, quen explicou que o evento ten un afán que vai máis aló do mercantil e, por iso, ademais dos sorteos diarios e os descontos nas compras, ofrece diferentes actividades, especialmente pensadas para os máis pequenos. Así, haberá espectáculos de maxia, contacontos, obradoiros de teatro, marcapáxinas e presentacións de libros.

Na edición deste ano haberá un total de 19 expositores, tres máis que en 2009, cando houbo un punto de inflexión na tendencia descendente dos últimos anos. Entre eles, como novidade, estará a caseta da Biblioteca Central de Vigo, que intentará animar á lectura e captar novos subscritores durante a celebración da feira. Patiño, quen lembrou que este ano está dedicado en Galicia ao libro e á lectura, mantivo que as bibliotecas non son competencia das librarías, senón que supoñen unha axuda e un complemento á hora de animar a xente á lectura e, desta forma, "se hai máis lectores, tamén hai máis vendas".

Fonte: Xornal de Galicia


Copyright, Aviso Legal, Política de privacidade e Accesibilidade

Co patrocinio de:
Cedro


esqueciches o contrasinal?