Asociación Galega de Editores

Impresora Email

A plataforma Libranda arrincará nun mes con máis de 2.000 libros dixitalizados

Xoves, 10 Xuño 2010

Nova: A plataforma Libranda arrincará nun mes con máis de 2.000 libros dixitalizados

Libranda, a plataforma dixital que os grandes grupos editoriais españois —Planeta, Santillana, Random House Mondadori, SM, Roca Editorial, Grup62 e Wolters Kluwer, ademais de Anagrama, Salamandra, Acantilado, Maeva, Siruela, La Galera e Quaderns Crema— formaron para a comercialización do libro electrónico, arrinca o 15 de xullo cuns 2.000 títulos dos seus diferentes catálogos. Trala etapa inicial "de aprendizaxe", o 15 de setembro poderase acceder xa ás páxinas web de 21 canles online.

Os libros dixitalizados (na primeira 'tirada' contarase con obras de Ken Follet, Miguel Delibes, José Saramago, Carlos Ruiz Zafón, Juan José Millás, Arturo Pérez-Reverte ou Javier Marías) custarán como media entre un 20% e un 30% menos que os de papel, aínda que cada editorial decidirá os seus prezos e os títulos que porá a disposición do lector.

Venda en web

Os libros compraranse a través das páxinas web das grandes cadeas de librarías (El Corte Inglés, Casa del Libro e FNAC, entre elas), de tendas especializadas en venda de libros electrónicos e dunha decena de librarías de toda España. Esta cifra irá aumentando nas próximas semanas porque xa hai máis de 70 establecementos interesados.

Os sete grupos fundadores esperan futuras incorporacións porque é un proxecto "aberto a tódalas editoriais",  defendeu Arantza Larrauri, directora xeral de Libranda. A nova plataforma non venderá directamente ao público, xa que a súa intención é respectar "a cadea de valor do libro promovendo o labor cultural dos autores e axentes, das editoriais e das tendas en internet".

Cada mes iranse incorporando novos títulos e moitos deles serán novidades editoriais que aparecerán de maneira simultánea ao formato tradicional. Ambolosdous formatos "convivirán pacificamente durante moito tempo", porque en España tardará en xeneralizarse a venda de libros electrónicos, do mesmo xeito que está a suceder en Estados Unidos e noutros países, sinalou Larrauri.

Fonte: Público


Copyright, Aviso Legal, Política de privacidade e Accesibilidade

Co patrocinio de:
Cedro


esqueciches o contrasinal?