Asociación Galega de Editores

Impresora Email

Marcos Calveiro gaña o Premio Raíña Lupa e Eva Moreda o Terra de Melide

Mércores, 09 Xuño 2010

Nova: Marcos Calveiro gaña o Premio Raíña Lupa e Eva Moreda o Terra de Melide

Os escritores galegos Marcos Calveiro e Eva Moreda foron galardoados onte cos premios Raíña Lupa de narrativa infantil e xuvenil e Terra de Melide de creación literaria respectivamente. Calveiro fíxose co seu galardón, convocado pola Deputación da Coruña, con Centauros do Norte, unha novela centrada na revolución mexicana. Moreda, con A Veiga é como un tempo distinto.

"A novela naceu coa referencia a un trompetista dos cincuenta que na súa infancia acompañou a Pancho Villa", explica Calveiro (Vilagarcía, 1968). "Trátase dunha homenaxe ao western, as películas en branco e negro da televisión coa que crecín". Elementos clásicos do xénero coma as cabalgadas polo deserto ou o ferrocarril poboan a obra, onde aparecen personaxes históricas como Pancho Villa. "A obra reflexiona sobre a vinganza e sobre se a fin xustifica os medios", arrisca o autor.

Pola súa parte, Eva Moreda foi recoñecida co premio Terra de Melide pola súa obra A Veiga é como un tempo distinto. O amor, a amizade, a soidade e os seus límites son algúns dos temas que aborda esta novela, e que ten como protagonistas a Elisa e Gelo, unha parella de emigrantes que marchan da Veiga cara a Londres. O xurado do Terra de Melide valorou a frescura da obra e a actualización do tema da emigración galega, xa que aborda o punto de vista feminino e as mudanzas da Europa dos anos 60, co nacemento da música pop ou a liberación da muller.

Fonte: Xornal de Galicia


Copyright, Aviso Legal, Política de privacidade e Accesibilidade

Co patrocinio de:
Cedro


esqueciches o contrasinal?