Asociación Galega de Editores

Impresora Email

Unha editora irlandesa publica a dez poetas galegas en inglés e gaélico

Mércores, 09 Xuño 2010

Nova: Unha editora irlandesa publica a dez poetas galegas en inglés e gaélico

Dez poetas, todas mulleres, protagonizan a última incursión da literatura galega no mercado editorial anglófono. O selo irlandés Salmon Poetry (www.salmonpoetry.com) vén de publicar To the Winds Our Sails, unha antoloxía que inclúe obras de Luz Pozo Garza, María do Carme Kruckenberg, Xohana Torres, Marilar Aleixandre, Luz Pichel, Chus Pato, Ana Romaní, María do Cebreiro, María Lado e a máis nova de todas, a luguesa Xiana Arias (A Fonsagrada, 1983).

A poeta irlandesa Mary O'Donnell e a profesora Manuela Palacios, da Universidade de Santiago, encargáronse da selección das autoras. De cada unha delas, o volume inclúe cinco poemas: catro traducidos ao inglés e un, escollido por elas mesmas, ao gaélico irlandés. "Un xesto", din dende a editorial, "que intenta representar o compromiso cultural e lingüístico que Irlanda e Galicia compartiron historicamente".

"To the Winds Our Sails é unha vibrante e emotiva homenaxe ao que se pode atopar na tradución", di Michael Cronin, do Centre for Translation and Textual Studies de Dublín. "Na viaxe entre as linguas, as poetas lévanlle ao lector a intensidade, a profundidade, a capacidade de sorpresa e o compromiso que veñen sendo marca de identidade da escrita das poetas galegas".

Doce tradutoras, tamén mulleres, encargáronse das versións que agora publica Salmon Poetry, un selo en activo dende 1981, primeiro en Galway e dende 1995 en County Clare. O seu traballo foi coordinado pola escritora Mary O'Donnell, autora de seis coleccións de poemas, dous libros de relatos e varias novelas, xénero no que debutou con The Lightmakers (1992), o seu título máis popular. Esta é a súa primeira achega á poesía galega.

Fonte: Xornal de Galicia


Copyright, Aviso Legal, Política de privacidade e Accesibilidade

Co patrocinio de:
Cedro


esqueciches o contrasinal?