Asociación Galega de Editores

Impresora Email

Día das Letras: Novoneyra para tódolos gustos

Martes, 11 Maio 2010

Nova: Día das Letras: Novoneyra para tódolos gustos

Como cada ano, a celebración do Día das Letras vén acompañado da publicación dun bo feixe de libros encol do autor homenaxeado. Uxío Novoneyra non podía ser menos. Recitais en CD, pseudomemorias ou banda deseñada mestúranse coas habituais reedicións, textos inéditos e obras divulgativas mestúranse nos andeis das librarías. Obviamente, a reedición de obras de Novoneyra supón un dos puntais dos lanzamentos encol do homenaxeado. Desta volta é Galaxia quen corre coa xa inevitable Antoloxía poética, da que se encargou Arturo Casas. Alvarellos, pola súa banda, tirou do prelo unha reedición de Tempo de elexía en galego e castelán, tal e como fora publicada orixinalmente en 1966. Canda aos poemas, a obra inclúe unha Autopética na que o autor reflexiona sobre a súa creación e mais un CD no que se pode escoitar, por vez primeira, o recital que Novoneyra realizou no Instituto Lucus Augusti en 1982. Semella que o CD con recitados é unha das tendencias das publicacións deste ano, xa que tamén a nova edición de Do Courel a Compostela, de Galaxia, inclúe un. Xerais, pola súa banda, recupera Os Eidos. O libro do Courel e mais Dos soños teimosos, a principal obra de reflexión deste autor.

Biografías, ensaios e didácticas
Canda ás propias obras do autor, tamén están a ver a luz os habituais ensaios e reflexións sobre o mesmo. A xa habitual biografía que tira A Nosa Terra sobre o homenaxado de cada ano corre nesta ocasión por conta de Carmen Blanco, quen tamén publica o libro Novoneyra. Un cantor do Courel a Compostela na Editorial Toxosoutos. Desta casa sae tamén Uxío Novoneyra. Home e terra, asinado por Xosé Lois García.  Canda a esta, Antón Lopo fai a súa propia achega á vida do homenaxeado na forma dunhas supostas memorias en A distancia do lobo. Biografía de Uxío Novoneyra, que publica Galaxia.

A xeito de ensaio atopamos en 3C3 o Dicionario Uxío Novoneyra de Esperanza Mariño. O volume mestura unha introdución á vida de autor cunha escolma poética e achega asimesmo diferente material didáctico para traballor o autor nas aulas de secundaria e dos últimos cursos de primaria. A coincidir en certo xeito na idea e no público, Everest tirou do prelo Do A ao Z con... Uxío Novoneyra, de Francisco Xavier Fernández Naval. A partir de entradas alfabeticamente ordenadas, o autor fai un repaso polas ideas, a vida e mais a obra do poeta para os máis novos. Tamén para eles, Xerais publica na colección Merlín Folerpas de Novoneyra, un libro no que Fran Alonso aborda a biografía e obra do autor a través de anécdotas e detalles, ademais de proporcionar unha escolma poética.

Fonte: Culturagalega.org


Copyright, Aviso Legal, Política de privacidade e Accesibilidade

Co patrocinio de:
Cedro


esqueciches o contrasinal?