Venres, 09 Abril 2010
A piratería dixital no mundo dos libros xera unhas perdas de 150 millóns de euros, superando xa á fotocopia ilegal, que rolda os 100 millóns de euros. Esta cifra foi avanzada por Antonio María Ávila, director executivo da Federación de Gremios de Editores de España (FGEE), despois da reunión que mantivo onte coa ministra de Cultura, Ángeles González-Sinde.
Ávila, quen sinalou que estes datos forman parte dun estudo que está realizando a FGEE e que se dará coñecer antes do verán, lembrou a "preocupante situación" que vive España polo que se refire á piratería dixital e que a sitúa á cabeza cunhas perdas para o sector da cultura por este concepto de 1.400 millóns de euros, seguida de Italia con 760 millóns de euros.
O director executivo da FGEE indicou que "é preciso acabar con esta lacra de xeito ordenado". Por ese motivo, o gremio amosou o seu máximo apoio á disposición adicional da Lei de Economía Sostenible que propón o bloque de contidos ilegais nas páxinas web por centrarse "na defensa da propiedade intelectual dun xeito decidido e razoable".
Ávila sinalou que "non é bo que España estea á fronte da lista como o país máis pirata porque nos xogamos moito e nesta batalla está obrigada a participación dos poderes públicos". A este respecto, preguntado polos usos ilegais que fai a propia Administración en materia de propiedade intelectual, Ávila manifestou que Cedro (Centro Español de Derechos Reprográficos) está tramitando un expediente para licenciar toda a Administración Xeral do Estado.
Coexistencia de formatos
Sobre a chegada do libro electrónico, Ávila sinalou que o futuro do libro pasa "polo papel e polo e-book". Neste mesmo sentido, o historiador Román Gubern profetizou unha longa vida ao tradicional libro de papel fronte á aparición do libro electrónico, unha das teses que se desprende do seu novo ensaio, Metamorfosis de la lectura.
O autor non ve nada catastrofista o cambio, e a lóxica lévao a pensar que o papel e o electrónico convivirán durante "varios séculos" do mesmo xeito que o códice compartiu 400 anos co libro en forma de rolo exipcio. A pesar de que o libro en papel é o seu amor intelectual, Gubern recoñece que "a maior socialización cultural prodúcese a través das pantallas electrónicas".
Fonte: Xornal de Galicia
Copyright © AGE, Asociación Galega de Editores
Asociación Galega de Editores
Rúa das Hedras 2, 2º F 15895 Milladoiro AMES
Tel.: 981 57 09 37
Unha maneira de facer Europa
PR521A_2011_16231
PLAN DE FORMACIÓN E
DEMOSTRACIÓN PRÁCTICA PARA O
USO E
ADMINISTRACIÓN DA
PLATAFORMA DE DISTRUBICIÓN
DE LIBROS E
CONTIDOS
DIXITAIS
"FONDOS PUBLICOS"
Copyright © AGE, Asociación Galega de Editores
Este proxecto está cofinanciado por Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER),
Ministerio de Industria, Turismo e Comercio,
Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica),
Plan Avanza.