Asociación Galega de Editores

Impresora Email

Eva Moreda gaña o premio Narrativas Quentes que organiza Edicións Positivas

Mércores, 03 Marzo 2010

Nova: Eva Moreda gaña o premio Narrativas Quentes que organiza Edicións Positivas

O xurado do V Premio Narrativas Quentes concedeulle o galardón por unanimidade á obra Organoloxía, da escritora Eva Moreda. A autora narra nesta novela as confesións máis íntimas dun grupo de profesoras que quedan encerradas por erro no conservatorio onde dan clase. Durante toda a noite, Caro, Alicia, Xandra, Vic, Enma e Carmela intercambiarán as súas experiencias eróticas, que sempre están relacionadas coa actividade e o instrumento que ensinan. Na acta do xurado, os seus membros destacan a mestría narrativa da novela, a atractiva relación da música co erotismo, así como as emocionantes e poéticas historias das súas protagonistas. Ao longo da narración, créase un ambiente de sinceridade e de confesión íntima entre varias mulleres que, ademais de compartir un centro de traballo, teñen outras moitas cousas en común.

Con este premio de Edicións Positivas, Organoloxía convértese na quinta obra de Moreda. A autora asturiana, licenciada en Filoloxía Clásica e Musicoloxía e que actualmente prepara a tese de doutoramento en Historia da Música na Universidade de Londres, publicou xa Breogán de Guisamonde, o cabaleiro da gaivota (1997), coa que conseguiu o premio Rúa Nova 33 que organiza a Fundación Caixa Galicia; O demo e o profundo mar azul (2003), Singularis Domitilla (2004) e O país das bestas (2009). Esta última obra quedou finalista do premio Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores á mellor ficción do ano. Organoloxía estará nas librarías da man de Edicións Positivas o próximo mes de maio. Moreda, que naceu en 1981 na Veiga (Asturias), contribuíu nos eidos da poesía e do ensaio, como tamén a varias antoloxías e publicacións periódicas.

Fonte: Xornal de Galicia


Copyright, Aviso Legal, Política de privacidade e Accesibilidade

Co patrocinio de:
Cedro


esqueciches o contrasinal?