Asociación Galega de Editores

Impresora Email

Expertos reunidos nunhas xornadas no CCG piden maior proteción do galego no ensino

Mércores, 24 Febreiro 2010

Nova: Expertos reunidos nunhas xornadas no CCG piden maior proteción do galego no ensino

"­Galicia non debe dar pasos atrás na xa insuficiente protección do galego no ensino, segundo destacan os dous informes de cumprimento, e debe ofertar un modelo de ensino basicamente en galego e unha axeitada capacitación do profesorado que permita cumprir os compromisos adoptados coa ratificación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. Só o modelo de educación infantil de 0 a 3 anos cumpría as esixencias da Carta tal e como sinalou o Informe dos Expertos en 2008". É a conclusión redactada polos expertos europeos reunidos nas xornadas de análise sobre este tratado, que onte remataron no Consello da Cultura, en Santiago. Neste texto, chaman a España para corrixir as "severas eivas" no cumprimento da Carta, especialmente graves na xustiza e no ensino.

Ao ver dos especialistas, os poderes públicos deben adoptar "medidas positivas de concienciación social da riqueza que supón o patrimonio lingüístico que expresan o galego, o éuscaro, o catalán, o asturiano, o aragonés, o aranés, o portugués en Olivenza, o árabe e o bereber". Idiomas que, engaden, fan dos seus falantes "exemplos plurilingües da realidade europea".

Ademais, a constitución da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal en 1992 así como a Declaración dos Dereitos Lingüísticos do Eixo Atlántico en 2001 -dirixida a superar o desencontro histórico entre galego e portugués- así como iniciativas como a asociación Ponte nas Ondas representan para o Consello de Europa un exemplo nas relacións transfronteirizas que define a Carta das Linguas Minoritarias.

Así o puxo de manifesto a profesora de Dereito Constitucional da Universidade de Barcelona, Eva Pons, que analizou o último artigo da Carta, referido aos intercambios transfronteirizos.

"Este tipo de cooperación -matizou Pons- atópase en expansión pero sempre enfocada a temas económicos, máis que lingüísticos". De aí que a Carta pretenda entrar noutra dimensión para que os Estados cooperen en materia lingüística aplicada á educación, á comunicación e ás actividades culturais."Os intercambios transfronteirizos incrementan o volume de falantes", incidiu a profesora.

No segundo informe que o Consello de Europa elaborou sobre a aplicación deste punto en España, poñíase de relevo a disparidade de situacións lingüísticas. No caso do catalán "cúmprese de modo exemplar" a promoción exterior desta lingua do mesmo xeito que en Galicia se cumpría este apartado grazas ao incremento de relacións transfronteirizas con Portugal.

Pola súa parte, o profesor de Dereito da Universidade de Swansea (Gales, Reino Unido), Gwynedd Parry centrouse en analizar o Artigo 4 da Carta en relación aos réximes de protección existentes na Carta, que non entran en conflito "nin coa lexislación internacional nin coa estatal".

Fonte: Galicia Hoxe


Copyright, Aviso Legal, Política de privacidade e Accesibilidade

Co patrocinio de:
Cedro


esqueciches o contrasinal?