Asociación Galega de Editores

Impresora Email

Comeza a andaina para crear a Fundación Uxío Novoneyra

Venres, 19 Febreiro 2010

Nova: Comeza a andaina para crear a Fundación Uxío Novoneyra

Coa presentación hoxe na Coruña da carpeta Homenaxe Uxío Novoneyra: Letras Galegas 2010, comeza a andaina para constituír a Fundación do escritor, que terá como sede a súa casa natal de Parada do Courel. A carpeta, que se presentará na Agrupación Cultural Aleixandre Bóveda, é unha reprodución a máxima calidade do exemplar que publicara no 1999 a asociación O Galo para a Homenaxe Nacional a Novoneyra, celebrada pouco despois da súa morte. A nova tiraxe, coordinada polo fillo do poeta, Uxío Novo, está producida por Rei Zentolo nunha edición de luxo e recolle poemas de lembranza ao autor de Os eidos, -desde Carlos Oroza a Ferrín-, cartas e estampas, con pezas de Patiño, Acisclo Manzano ou Lomarti.

Os beneficios da edición -que será presentada en Pontevedra o día 26 e en Compostela o 5 de marzo- serán destinados integramente á fundación, un proxecto desenvolvido por Uxío Novo que está só pendente do visto e prace do Ministerio de Cultura. "En canto o teñamos", subliña o fillo do poeta, "queremos levar os arquitectos para que fagan os estudos de rehabilitación". En principio, pensaron en David Estany e Daniel Beiras, ambos con experiencia no Courel, "pero non está pechado aínda".

A fundación ocuparía as dependencias da Casa de Parada que non usa a familia e trataría de converterse, sobre todo, nun centro socio-cultural que supla as carencias deste tipo de dotacións na comarca. Alí quedarían depositados os arquivos de Novoneyra, os seus papeis, textos poéticos e caligramas. Tamén se crearía unha biblioteca con dúas vertentes: unha de uso público e outra especializada para investigadores. A sala de exposición, que se instalaría nas actuais cortes, con máis de 400 metros cadrados, tería do mesmo xeito dúas funcións: serviría para mostras temporais e para unha exhibición permanente de colección de pintura do poeta.

A esta sala estaría vencellado o obradoiro de artes gráficas, principalmente de gravado, co que se retomaría un vello proxecto do poeta. Nel, daríanse cursos intensivos sobre artes gráficas e, mediante convenios coas administracións públicas, articularíanse proxectos de estadías no Courel para asrtistas, tanto plásticos coma literarios. Un dos edificios exentos da casa sería rehabilitada para servir de residencia temporal, mentres que a horta sería musealizada.

Fonte: Galicia Hoxe

 


Copyright, Aviso Legal, Política de privacidade e Accesibilidade

Co patrocinio de:
Cedro


esqueciches o contrasinal?