Asociación Galega de Editores

Impresora Email

Nace unha nova editorial sen ánimo de lucro

Venres, 19 Febreiro 2010

Nova: Nace unha nova editorial sen ánimo de lucro

En menos dun mes chegará ás librarías galegas o primeiro libro da editora Acha Escrava, un proxecto do poeta noiés Manuel L. Rodrigues. Será a segunda edición ampliada de Antítese nativa, a obra coa que Lopes Rodrigues gañou en 2008 o XIV Premio Suso Vaamonde de poesía, e engadirá a maiores o poemario A demarcación do volcán, un feixe duns 30 poemas continuístas do primeiro.

Unha editorial -na que colaboran desinteresadamente pintores, deseñadores, correctores, debuxantes- que comezou a xestarse en agosto de 2009. "A nosa intención -explica Rodrigues- é publicar libros galegos e en galego. É un proxecto autoxestionado co que queremos darlles unha oportunidade aos escritores que queren editar as súas primeiras obras".

É unha iniciativa, ademais, "case" sen ánimo de lucro -matiza o noiés- xa que "agardamos que a venda dun libro dea para publicar o seguinte, de tal maneira que case o 100% do que se recade sexa reinvestido nas seguintes edicións".

"Ningún de nós vai vivir disto. Non pretendemos nin gañar cartos. É máis unha cuestión de defender o galego e os escritores que escriban na nosa lingua, e tamén por pracer, porque isto nos gusta", comenta. Acha Escrava centrarase, nun principio, na edición de poesía "pola facilidade e a gran demanda de editoriais que publiquen este xénero en Galicia", asegura.

"A pesar de entrar no mercado xunto con moitas outras empresas do sector, non nacemos para competir coas editoriais existentes senón para axudar a fortalecer o sistema literario galego achegando obras e escritores", indica o escritor noiés.

Manuel L. Rodrigues foi cofundador e membro do Colectivo Literario Sacou. "Naceu hai anos para dinamizar a cultura en Noia, promocionar os novos valores e defender a cultura galega. Hai uns oito anos que o colectivo non existe oficialmente porque cada un marchou para outros lados pero oficiosamente seguímonos reunindo os venres. Acha Escrava é un proxecto meu pero detrás del están moitos dos membros do colectivo", explica o poeta noiés.

Fonte: Galicia Hoxe


Copyright, Aviso Legal, Política de privacidade e Accesibilidade

Co patrocinio de:
Cedro


esqueciches o contrasinal?