Venres, 12 Febreiro 2010
O tempo avanza e a maquinaria da industria cultural traballa xa contrarreloxo para presentar o antes posible as súas achegas de cara ao 17 de maio, Día das Letras, unha celebración creada pola Real Academia Galega (RAG) que este ano estará dedicada ao poeta Uxío Novoneyra (O Courel, 1930). O 17 de maio é, sen dúbida, unha das datas fortes do calendario cultural, en especial para as editoriais, que realizan un decidido esforzo de apoio á xornada.
Este ano a máis madrugadora foi A Nosa Terra Edicións, que a finais do decembro pasado publicou un volume realizado por Carmen Blanco de aproximación á obra do escritor courelán. Carmen Blanco, que inclúe abondoso material fotográfico, desenvolve tamén unha aproximación á súa produción literaria, da que xa se ocupara noutras ocasións, como na introdución á reedición de Os eidos publicada por Xerais.
A editorial que dirixe Manuel Bragado, precisamente, fará unha nova edición desta obra de Novoneyra, ademais dun dos produtos clásicos do seu catálogo para o 17 de maio: a Fotobiografía.
Outro dos clásicos que xa está en marcha é a colección de dicionarios de 3C3, dedicados a glosar alfabeticamente as palabras claves dun escritor. Esperanza Mariño -que xa realizara o Diccionario de María Mariño- é a encargada de sintetizar as características de Novoneyra.
Galaxia, pola súa banda, prepara unha biografía sobre o autor que chegará ás librerías a primeiros de marzo e que este ano se encargou de realizar Antón Lopo baixo o título A distancia do lobo. A editorial de Víctor F. Freixanes prepara tamén unha reedición do volume no que o escritor compilou a poesía de tinxe político, Do Courel a Compostela.
Fonte: Galicia Hoxe
Copyright © AGE, Asociación Galega de Editores
Asociación Galega de Editores
Rúa das Hedras 2, 2º F 15895 Milladoiro AMES
Tel.: 981 57 09 37
Unha maneira de facer Europa
PR521A_2011_16231
PLAN DE FORMACIÓN E
DEMOSTRACIÓN PRÁCTICA PARA O
USO E
ADMINISTRACIÓN DA
PLATAFORMA DE DISTRUBICIÓN
DE LIBROS E
CONTIDOS
DIXITAIS
"FONDOS PUBLICOS"
Copyright © AGE, Asociación Galega de Editores
Este proxecto está cofinanciado por Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER),
Ministerio de Industria, Turismo e Comercio,
Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica),
Plan Avanza.