Asociación Galega de Editores

Edicións do Cumio publica "Once máis 15", un libro de poemas musicados

Domingo, 19 Xullo 2009

Nova: Edicións do Cumio publica "Once máis 15", un libro de poemas musicados

Edicións do Cumio vén de publicar Once máis 15 un traballo de poemas musicados que conxuga a poetas e músicos. Trátase dun libro con CD froito da unión entre once poetas galegos de todos os tempos e quince grupos da escena musical actual. Nesta suma, os versos que van dende Rosalía e Curros ata Antón Lopo e Daniel Salgado convértense en cancións por virtude dun elenco variado de músicos no que conviven a electrónica, o pop, o rock de diversa inspiración e case todos os estilos imaxinables. O libro  
recolle as versións orixinais dos poemas, aquelas que serviron como punto de partida para as composicións dos músicos, así como as biografías dos autores. Por parte dos músicos, a edición achega imaxes  dos artistas e bandas ás que acompaña un texto de presentación de cada unha delas.

A iniciativa parte da asociación MusicARTE, e está coordinada polo músico Miguel Alonso. Nace coa intención de ser unha mostra do fecundo panorama musical que nos rodea e que, nesta ocasión -que non é a primeira para moitos destes músicos-, toma da man o xénero máis prolífico das nosas letras para recuperar ou recoñecer as súas palabras como unha parte fundamental da nosa bagaxe. A música corre a cargo de zimmer103, Miguel Alonso, Ataque Escampe, Miguel A. Suárez, Xurxo Mares, Fanny e Alexander, Anxo Rei, Roberto Sobrado e banda, Snail, Meiga do Norte, Julian Ross, David Taboada, Elanor, Fucoxabier e Nao. Os poemas escollidos pertencen a Alfonso Pexegueiro,  Álvaro Cunqueiro,  Antón Lopo, Celso Emilio Ferreiro, Daniel Salgado, Darío Xohán Cabana, Grupo Rompente, Luís Pimentel, Manuel Curros Enríquez, Manuel María, e Rosalía de Castro.

Fonte: Edicións do Cumio

Foto: Portada de Once máis 15, de Edicións do Cumio

Copyright, Aviso Legal, Política de privacidade e Accesibilidade

Co patrocinio de:
Cedro


esqueciches o contrasinal?