Asociación Galega de Editores

Arrinca a Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña coa participación de 17 editoriais galegas

Martes, 23 Marzo 2010

Nova: Arrinca a Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña coa participación de 17 editoriais galegas

Dende hoxe, día 23 de marzo e ata o vindeiro venres 26, a cidade italiana de Boloña acolle a Feira do Libro Infantil e Xuvenil 2010, o evento profesional destas característica máis importante do mundo. A  industria do libro galego está ben representada na Feira coa presenza de 17 editoriais da Asociación Galega de Editores que amosan un total de medio milleiro de títulos destinados ao público máis novo. Trátase de: Kalandraka Editora, Tambre Edicións, Editorial Galaxia, Edicións Xerais de Galicia, Baía Edicións, Nova Galicia Edicións, Edicións A Nosa Terra, Rodeira, Obradoiro, El Patito Editorial, OQO Editora, Sotelo Blanco Edicións, Editorial Everest, Editorial Toxosoutos, Biblos Clube de Lectura, Edicións Embora e Ir Indo Edicións. A presenza do libro galego en Boloña é posible grazas ao expositor que a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia ten ubicado no pabillón 29 do recinto feiral. Trátase dun espazo de arredor de 60 metros cadrados onde os editores galegos poden manter xuntanzas de traballo con representantes do sector internacional, así como amosar as mellores producións dos últimos anos. Ademais do stand de Galicia, na Feira dispoñen de expositor propio as editoriais Kalandraka, OQO Editora e Nova Galicia Edicións.

Actividades

Canda ao traballo comercial, o stand galego será o escenario de diversos encontros como o que protagonizarán os escritores Antonio García Teijeiro e Fina Casalderrey coas persoas que visiten o expositor onde poden atopar exemplares das súas obras. Tamén estarán amosando o seu traballo os ilustradores Manel Cráneo e David Pintor. Na xornada de mañá mércores 24, o stand acollerá a presentación do Catálogo de Libros infantís e xuvenís de Galicia 2010 a cargo do director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López. Asemade, a Asociación Galega de Editores organizou un foro de intercambio cultural con representantes do sector de Dinamarca, Hungría, Croacia e Italia.

 

Copyright, Aviso Legal, Política de privacidade e Accesibilidade

Co patrocinio de:
Cedro


esqueciches o contrasinal?