Luns, 15 Marzo 2010
O Servizo de Publicacións e Intercambio Científico (SPIC) da Universidade de Santiago (USC), que dirixe Juan Luís Blanco Valdés, vai acometer unha unha decidida aposta polo e-book, o libro electrónico. Actualmente hai unha dialéctica aberta entre o libro impreso e o dixital, pero o director do SPIC ten claro que «hai que ir por aí» para unha serie de publicacións, polo que a USC comezará a edición electrónica con vinte títulos, hai moito tempo xa esgotados, que serán comercializados como libros electrónicos.
Para esta nova etapa editorial o Servizo de Publicacións ten un camiño xa expedito con Google Books Search, con quen no 2009 firmou un convenio para a dixitalización dos seus libros. «A edición dixital -comenta o director do SPIC- ten detractores e defensores, como todo, xente moi tecnófila e xente moi tecnófoba. Eu creo, persoalmente, que hai que situarse no termo medio. Adoito dicir unha frase bastante reveladora: hai que situarse a medio camiño entre Gutenberg e Bill Gates ou Google».
A segunda aposta do Servizo de Publicacións da Universidade compostelá é a creación de novas coleccións como a Biblioteca de Divulgación (na que se acaba de presentar o primeiro libro publicado en Galicia no Ano Seoane, Luís Seoane. A Galicia medieval, de Charo Portela). A Universidade, explica seu responsable de publicacións, «tamén ten unha misión de transferencia do coñecemento», e nesa liña se enmarca esta aposta. Os libros desta colección conxugarán o rigor coa amenidade, coexistindo con outras coleccións de alta investigación como a de monografías. Nesta enmárcase un último libro dedicado a un estudo comparativo entre os modelos de relación de Galicia e Escocia cos seus respectivos Estados centrais. O gran público tamén dispón da colección Clásicos do Pensamento Universal, financiada pola Fundación BBVA, coas obras de autores como Lavoisier, Darwin ou Freud traducidas ao galego, traducións que, resalta Blanco Valdés, contribúen ao «enriquecemento dun standard lingüístico para a lingua galega».
Fonte: La Voz de Galicia
Copyright © AGE, Asociación Galega de Editores
Asociación Galega de Editores
Rúa das Hedras 2, 2º F 15895 Milladoiro AMES
Tel.: 981 57 09 37
Unha maneira de facer Europa
PR521A_2011_16231
PLAN DE FORMACIÓN E
DEMOSTRACIÓN PRÁCTICA PARA O
USO E
ADMINISTRACIÓN DA
PLATAFORMA DE DISTRUBICIÓN
DE LIBROS E
CONTIDOS
DIXITAIS
"FONDOS PUBLICOS"
Copyright © AGE, Asociación Galega de Editores
Este proxecto está cofinanciado por Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER),
Ministerio de Industria, Turismo e Comercio,
Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica),
Plan Avanza.