Asociación Galega de Editores

Xerais publica a versión en galego de "Bilbao-New York-Bilbao", Premio Nacional de Narrativa 2009

Mércores, 17 Febreiro 2010

Nova: Xerais publica a versión en galego de "Bilbao-New York-Bilbao", Premio Nacional de Narrativa 2009

A comezos de marzo chegará ás librarías a edición galega de Bilbao-New York-Bilbao, a novela coa que Kirmen Uribe obtivo o Premio Nacional de Narrativa 2009. A tradución foi realizada directamente do éuscaro por Isaac Xubín.

Bilbao-New York-Bilbao relata un voo entre o aeroporto de Bilbao e o JKF de Nova York. O autor viaxa no avión e no transcurso da viaxe dá conta tanto do proceso de escritura da novela que está escribindo como das súas propias dúbidas. A novela aborda a historia de tres xeracións dunha mesma familia. A primeira, a de preguerra, protagonizada polo avó e os membros dunha xeración de artistas moi liberais e ideoloxicamente transversais. A segunda, a da época franquista, centrada nos pais, relata os afáns de pesca industrial en Escocia.

Uribe, nado en Ondarroa en 1970, é licenciado en Filoloxía vasca e cursou estudos de postgrao en Literatura Comparada en Trento. Considerado un dos máximos renovadores do panorama literario en éuscaro, é autor de proxectos multimedia nos que, en colaboración con músicos e artistas plásticos e audiovisuais, combina a literatura con difeentes disciplinas artísticas. Participou en numerosos encontros internacionais de literatura en Europa, Asia e América, e publicou en revistas de prestixio como The New Yorker. A publicación en 2001 dos seu libro de poemas Bitartean heldu eskutik («Mentres tanto dáme a man») supuxo, segundo a crítica, unha «revolución tranquila» na literatura euskalduna, recibindo o Premio da Crítica e sendo traducido a diversas linguas. Bilbao-New York-Bilbao (2008), a súa primeira novela, recibiu o Premio da crítica 2008, o Premio da Fundación Ramón Ruibal á obra artística do ano 2008, o Premio do Gremio de libreiros de Euskadi e o Premio Nacional de Narrativa 2009.

Fonte: Blog de Xerais

Copyright, Aviso Legal, Política de privacidade e Accesibilidade

Co patrocinio de:
Cedro


esqueciches o contrasinal?