2010 UN HORIZONTE DE CONSOLIDACIÓN PARA A LITERATURA INFANTIL E XUVENIL GALEGA1
Segunda parte
Ánxela Gracián2
Premios
O Premio Merlín que, dende hai vinte e cinco anos vén convocando Edicións Xerais de Galicia, -e que este ano, por ser precisamente o vinte e cinco aniversario, contou cun xurado de luxo formado por An Alfaya, Gloria Sánchez, Jacobo Fernández Serrano, Mar Guerra, Antonio García Teijeiro e Helena Pérez-, recaeu na excelente obra A filla do ladrón de bicicletas de Teresa González Costas, (Xerais, Merlín), herdadora da mellor tradición infantil europea que a achega ao xénero de humor crítico ateigado de tenrura, emparentado con autores de culto como Roald Dalh e que se caracteriza pola presenza dun sarcasmo intelixente que foxe do elemento didáctico-moralizante, así como o gusto pola creación de personaxes infantís idealistas que se enfrontan ao mundo con autenticidade, véndose, por esa razón, obrigadas, moitas veces, a se bater contra o absurdo e estúpido modo de actuar dos adultos, no cal campa a hipocrisía social, mais a sinxeleza da mirada dos nenos, sempre guiados por unha nobreza de sentimentos, gaña a batalla a ese histrionismo egoísta dos maiores e, como non podía ser doutro xeito, a trama remata co triúnfo dos soños. Da obra interesa tamén destacar a frescura dos diálogos ben construídos, dinámicos e verosímiles que a achegan ao xénero dramático, tan querido e cultivado pola autora grovense e que lle valeu en anos anteriores galardóns como o Álvaro Cunqueiro de Teatro para Adultos (Sempre quixen bailar un tango) e o Manuel María de Literatura Dramática (Pingueiras e tarteiras). Nunha liña moi diferente do canon, neste caso cun relato que aposta polo virtuosismo lingüístico e o lirismo barroquizante, mereceu a mención de Finalista do Premio Merlín 2010 Xoa de Antonio Yáñez Casal, autor xa consagrado que conta cunha ampla experiencia na narrativa infantil e xuvenil, con importantes premios como o Raíña Lupa, o Abrente para Textos Teatrais ou o Meiga Moira. A novela alberga, en clave de fábula, a viaxe iniciática dunha xoaniña que descobre o mundo a través dun duro percorrido de aprendizaxe que a levará á vida adulta e que lle permitirá asumir os retos que esta lle presenta. O VII premio de Literatura Infantil e Xuvenil Pura e Dora Vázquez recaeu nun dos nosos autores máis consagrados, tanto pola longa traxectoria avalada por numerosos premios, -dende que se deu a coñecer no emblemático premio Concurso Nacional de Contos Infantís O Facho no ano 1974-, como polo número de títulos que leva dando ao prelo dende hai máis de trinta anos dedicado en exclusiva á literatura infantil e xuvenil. Referímonos ao ourensán Xoán Babarro que se fixo co certame coa obra Palabra era un universo paralelo, editada pola
Deputación Provincial de Ourense, da que cómpre destacar tanto a gran calidade literaria, -sendo esta característica, a da perfecta elaboración e a do alto rigor estético, unha constante en todas as obras do autor-, como a magnífica concordancia argumental do texto en relación coas novas tecnoloxías, o que levou aos membros do xurado a definila como "un conto informático no mundo das letras".
Alén dos premios
A tamén xa consagrada autora, Concha Blanco, (Cee, 1950), pioneira no xénero, cun importante número de libros no seu haber, deleitounos este ano co evocativo Os poderes máxicos de Aitema, con ilustracións de Ana Santiso (Galaxia, Árbore), ambientada na Costa da Morte, con aventuras protagonizadas por un ser estraño a medio camiño entre o mítico e o fantástico. Na mesma editorial e colección ven a luz o ecoloxista O mar é noso de Alicia Borrás, así como o humorístico Brais e os demais de Manuel Darriba, con ilustracións de Ana Santiso, que presenta anécdotas, nun ton amable e divertido polo atinado da linguaxe e os xogos de ironía e imaxinación, centradas no espazo familiar e escolar do protagonista e as súas relacións de amor, amizade, familia e veciñanza. O exótico Os tratantes de papagaios de Leticia Vila Sexto; o poético O libro das Seniguais e do único Senigual dunha das escritoras máis coñecidas da literatura arxentina, filla de pai galego, represaliado na República e exiliado en Bos Aires tras a Guerra Civil, María Rosa Lojo, (Bos Aires, 1954), con ilustracións de Leonor Beuter, no que describe, cun marcado lirismo de inspiración cortaziana con referentes simbólicos a mitoloxías imposibles, uns seres a medio camiño entre as bruxas e as fadas que liban nas flores como colibrís. O recendente a salitre Amar unha serea deste coruñés con alma do mar dos cantís de Muxía que é Ribadulla Corcón, (A Coruña, 1962), con ilustracións de Antonio Seijas, onde se conta a historia de Varucho e o regalo que lle fai a Almudena para convencela de que sexa a súa moza. Tamén de autores xa consagrados que cultivan varios xéneros e modos dun xeito moi persoal, destacamos Cos ollos na Lúa, (Everest Galicia, Ler é vivir), de Antonio García Teijeiro, (Vigo, 1952), con ilustracións de Noemí López, no que fala da amizade entre unha nena e un can e de segredos inconfesables que agochan historias de malos tratos e xenofobia. A amizade tamén inspirou a obra Lu e Go pola muralla, (Obradoiro), de Antonio Reigosa, onde acompañamos os clásicos personaxes dos libros para nenos, un rato e un gato, pola emblemática muralla da cidade de Lugo e coñecemos, a través das súas palabras, os segredos que esta agocha así como Unha vida de ra, (Tambre, Ala Delta), de Rafael Laso Lourenzo, con ilustracións de Rodrigo Chao. Dentro da novela de sagas, Mar Guerra engade un novo título cargado de valores didácticos ao seu Xenaro; neste caso Xenaro e a hucha do indiano, (Xerais, Merlín), con ilustracións de Fernando Llorente; tamén entendido como continuación da obra anterior, Violeta non é violeta, viu a luz a obra O medo de Mo, (Macmilan, Librosauro), de Xosé A. Neira Cruz, con ilustracións de Sara Rojo Pérez, no que a súa protagonista viaxa coa pequena bruxa Mo á escola para que lle axude a escorrentar o medo ás bruxas grandes.
Este ano 2010 a colección Lagarto Pintado, que cada ano no Día do Libro Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), en colaboración coa Consellería de Cultura, pon na rúa de xeito gratuíto, contou coas ilustracións de David Pintor para a modalidade infantil, Verdades de plastilina, composto polos relatos Verdades de verdura de Yolanda Castaño; O xardín de plastilina de Jacobo Fernández Serrano; O señor dos cactos de Charo Pita e A caixa dos tesouros de Xabier Queipo. Na modalidade xuvenil, Manual para condutores con faros antinéboa, o libro contou coas ilustracións de Manuel Cráneo e está formado polos relatos As dúas orellas e o rabo de Francisco Castro; O sol da medianoite de Eva Moreda; Vía rápida de Carlos Negro e Longo percorrido de Carlos Vila Sexto. Tamén concibido como libro colectivo, cómpre destacar Quéroche contar un conto, editado pola Asocación Aspanex, con ilustracións de Gonzalo Androver, que contén os relatos Os segredos de cores de An Alfaya; A sombra que asombra de Francisco Castro; Historia de Don Ramón de Xosé Cermeño; Unha amiga secreta de Agustín Fernández Paz e Cousas que facer un día de chuvia de Irene Pérez Pintos.
A consolidación do álbum ilustrado
2010 significou, no que ao álbum ilustrado se refire, o momento de recoller os froitos, maduros logo dos alicerces que sentaron nas décadas anteriores editoriais como a pioneira Kalandraka, á que seguiu OQO e ás que, nun segundo lugar, mais cada vez a menor distancia, seguen as restantes editoras galegas con diferentes calidades de edición. A Editorial Galaxia, que xa contaba coa mellor colección de álbum ilustrado de autoría e ilustración totalmente galegas, (Os Duros), puxo na rúa tres edicións de luxo que, sen dúbida, merecen un lugar de distinción, falamos da adaptación de Xavier Senín do clásico de H. CH. Andersen O soldadiño de chumbo, de Ola, ola, la!/Mamá Cabra, de Gloria Sánchez, con ilustracións de Kristina Sabaite, que inclúe como novidades moi atractivas un CD de música e un DVD de karaoke e do complexo, interesante e inclasificable Abrapalabra, que inclúe xogos elaborados por Carlos Coira; poemas escritos por Antón Cortizas e ilustracións de Jacobo Fernández Serrano. Edicións Xerais de Galicia tamén realiza unha boa aposta polo xénero na súa colección Merliño onde viron a luz moitos das obras dos mellores escritores/as e ilustradores/as galegos. Nun seguinte chanzo da escala de calidade situamos a Do Cumio Edicións; Embora Edicións; Baía; A Nosa Terra e Sotelo Blanco Edicións, o que indica que, con máis ou menos acerto na imbricación entre texto e ilustración ou na calidade da edición e no nivel da ilustración, a maioría das editoras galegas están a poñer no mercado unha ampla oferta deste xénero novo que, entre nós, leva menos de quince anos e cuxas temáticas ensinan aos nenos/as a entender o mundo no que viven, axudándolles a conxurar os seus medos, a aceptarse, a adquirir valores de respecto e solidariedade cara a outras realidades así como a conxurar a fantasía e cultivar o gusto estético a través da conxunción equilibrada e dialogante entre texto e imaxe.
A existencia recente de premios especializados como o Premio Álbum Ilustrado Compostela 2010, que tan só leva tres edicións, é proba do valor en alza, desexo de renovación e interese por promocionar e mellorar este xénero recente, dado que deste certame saen cada ano novos autores ou consolídanse nomes xa consagrados. Na pasada edición os gañadores abordaron, dende distintas ópticas e enfoques, o tema dos soños. O primeiro premio recaeu na proposta colorista, de evocación circense, A familia C (Kalandraka), cuxo autor é o coñecido narrador oral e escritor Pep Bruno (Libro de contar, A noite dos cambios, Un loro na miña granxa) e a ilustradora de ampla traxectoria Mariona Cabassa (Celestino Tarambainas), onde se relata, na voz dun neno, o decorrer diario dunha familia normal con estratexias diversas que estimulan o lector para a decodificación persoal que vai da realidade ao soño. A categoría de Finalista recaeu na obra Bailar nas nubes, (Kakandraka), de autoría e ilustración de Vanina Starkoff, con tradución do castelán de Manuela Rodríguez, onde se aborda o tema do soño como intento de realización dun desexo que, na realidade diaria, se ve cortado polas estruturas sociais. Elas, (Kakandraka), de Cecilia Afonso Esteves, autora e ilustradora, con tradución do portugués de Manuela Rodríguez, recibiu a mención especial do xurado que destacou o especial tratamento do elemento feminino. Tamén, avalado por premio, neste caso o IV Premio Etxepare ao mellor proxecto para a creación dun álbum infantil en ésucaro, destacamos O meu amigo Alex, (Faktoría K de Libros), de Mikel Gurrutxaga, con ilustracións de Maite Gurrutxaga e traducido por Xosé Ballesteros, que nos achega á primeira infancia e á necesidade de construírmos amigos imaxinarios aos que contar os nosos medos así como As historias da avoa Catarina, (Faktoría K de libros), de Iñaki Zubeldia, ilustrado por Estibalitz Jalón e traducido por G. Tolentino, galardoado coa III Bolsa Etxepare, no que os contos buscan explicar o porque das cousas. Outros álbums interesantes para este primeiro tramo lector, onde o relatado serve para dar luz a problemas e conflitos infantís, son A lúa ladroa, (OQO, Colección O), escrito polo narrador oral Pablo Albo, ilustrado por Pierre Pratt e excelentemente traducido por Marisa Núñez, no un neno dialoga coa lúa arredor do seu chupete, de xeito que o álbum nos permite tratar cos nenos dun modo lúdico o tema de comezar a abandonar o uso deste obxecto. Do mesmo autor son Andrés cabeza abaixo, (OQO, Colección O), con ilustracións de Roger Olmos e traducido do castélan por Paco Liván, no que se aborda con simpatía un tema escatolóxico moi querido polos rapaces e Dióxenes, (Kalandraka), con tradución de Carlos Acevedo e excelentemente ilustrado por Pablo Auladell, avalado polo xa consagrado Premio Lazarillo de Creación Literaria, 2008, no que se nos vai desvelando, ao longo dos dezaseis capítulos de desigual extensión, a afección do protagonista por coleccionar obxectos insólitos. De coleccións, neste caso ateigadas de tenrura, fala tamén o novo e fermoso álbum A caixa dos recordos, (OQO, Colección O), da poética Anna Castagnoli, ilustrado por Isabelle Arsenault e traducido do italiano pola propia autora en colaboración con Marisa Núñez ou Coas mans baleiras, (OQO, Colección O), de Ana Tortosa, no que as ilustracións de Cecilia Varela enchen de luz esta reflexión afastada do mundo do consumo. Cun enfoque máis pragmático que axuda a resolver os pequenos problemas cotiás dos máis pequenos, destacamos o atinado Lucas e o oso, (OQO, Colección O), de Xosé Campanari, con ilustracións de Kristina de Andrés e tradución de Laura Rubio, que resolve dun xeito admirable o tema de mollar a cama polas noites así como O embigo de Xanecas, (OQO, Colección O), de Ramón Aragues Peleato, ilustrado por Francesca Chessa e traducido do castelán por Roque Chepete, onde se explica aos máis pequenos a función do embigo e a súa relación coa súa alimentación durante o proceso de xestación. Acertadamente ilustrado, con reminiscencias da oralidade e gusto pola sumación de escenas con escasas variantes, destacamos A voda do galo Pinto, (OQO, Colección O), de Juan Alfonso Belmontes, con ilustracións de Natalie Pudalov, traducido por Marisa Núñez, no que se aborda o tema do egoísmo e da vaidade e Sopa de Nada, (OQO, Colección O), tamén de marcada influencia oral, do contador Darabuc, ilustrado por Rashin Khairiyeh e traducido por Marisa Núñez. Na mesma liña de contos populares con tratamento literario e fermosa edición, destacamos os dous álbums de Ana Pavón, Ranilda, (OQO, Colección O), ilustrado por Chloré Rémiat e traducido do castelán por Laura Rubio e A vella Lulula (OQO, Colección O), ilustrado por Alessandra Cimatoribus e traducido do castelán por Paco Liván. A oralidade tamén está presente en Viches o león, (OQO, Colección O), do escritor uruguaio-venezolano, tamén narrador oral, Armando Quintero, ilustrado por Géraldine Alibeu e tradución do castelán de Marisa Núñez, onde se recorre ás fórmulas de repetición para compor este crebacabezas de criaturas pola selva para as que a ilustradora reduce ao límite a paleta de cores, reservando só movemento e cor ao rei da selva e Nariz de ouro, (OQO, colección O), de Raquel Saíz, con ilustracións de Juliana Bolline e traducido do castelán por Marisa Núñez, no que se aborda o tema do tamaño do nariz en diálogo intertextual c´O parruliño feo de H. CH. Andersen, con todo o que o clásico supón de reflexión sobre a aceptación da propia fealdade como consolidación da autoestima. Da mesma autora é o insólito e poético, ás beiras do non sense e con metaficción arredor de contos tradicionais, Se os gatos levasen botas gobernarían as ras, (OQO, Colección Q), con ilustracións de Rashin Kheiriyeh e tradución do castelán de Laura Rubio. Tamén en diálogo intertextual cun autor clásico, concretamente con Herman Melville e o seu Moby Dick, salientamos O cazador e a balea, (OQO, Colección O), de Paloma Sánchez e interesante primeiro traballo de ilustración de Iban Barrentxea, no que seguimos o gran cetáceo solitario na procura dos seus.
Mais se, de entre toda a colleita do ano, temos que destacar un álbum que nos chamou a atención pola forza das imaxes, a delicadeza do contido e exquisita factura sería o poético Taller de corazóns, (OQO, Colección Q), de Arturo Abad, con ilustracións do mexicano Gabriel Pacheco e excelente tradución do castelán de Marisa Núñez. Fermosa historia de amor no que a constancia e o esforzo son as únicas cualidades con que conta Matías, que amaña corazóns rotos e fabrica corazóns novos. O traballo tan logrado de Pacheco intensifícase coa selección cromática do vermello e o azul como as cores do sangue que late cando se ama ou que está apagado cando o corazón non sente.
No entanto, se temos que destacar un nome de entre os excelentes ilustradores con que conta o mercado galego na actualidade, sen dúbida 2010 é o ano de David Pintor, máis coñecido como Pinto, que asumiu a parte gráfica no prolífico tándem Pinto&Chinto, con Carlos López; procedentes do mundo da viñeta de humor gráfico con premios que avalan o seu traballo como o "Curuxa de humor", "Haxtur" e "Hermes" dentro do xénero gráfico e Merlín, Raíña Lupa, Frei Martín Sarmiento e Pura e Dora Vázquez no ámbito infantil. David Pintor soubo singularizar o seu debuxo de trazos suxestivos ata permitirnos aos lectores identificalo dun xeito ben doado. Neste ano 2010 son de salientar os seus álbums Compostela, (Kalandraka), un sentimental paseo visual por algúns dos espazos máis emblemáticos da cidade e Contos para nenos que dormen deseguida, (Kalandraka), onde a captación de momentos e situacións se transforman en ilustracións asombrosas que se complementan á perfección cos relatos magníficos, caracterizados polo esforzo de síntese e a presenza do humor e da tenrura, escritos por Carlos López.
Outro dos álbums singulares deste ano que achega os nenos/as e mozos/as á cultura tradicional, animándoos a aprender cancións, bailes e xogos do patrimonio tradicional galego e portugués, é o libro-disco Na punta do pé, (Kalandraka), con textos de Mercedes Preito e Monste Rivera e ilustracións de Joâo Vaz de Carvalho. O álbum é concibido como un obradoiro de música, baile e canto do grupo Pesdelan, músicos comprometidos coa cultura das festas e verbenas que inclúen no repertorio de textos galegos, portugueses e un mirandés, ao que acompaña un DVD no que se amosan as explicacións dos pasos de baile. Tamén de música está feito A nena e o grilo, (OQO Editora), con ilustracións de Iván Prieto, producido por Magín Blanco, unha das figuras máis singulares do pop galego, que dá o salto ao público infantil para forxar un conxunto de cancións que supoñen unha amálgama de xéneros como a rumba, a bossa nova, reggae ou folk. A narración de Charo Pita amosaranos a sutil amizade entre unha nena e un grilo e as emocións que se xeran entre eles e o anteriormente citado Ola, ola, la/Mamá Cabra de Gloria Sánchez (Galaxia).
Do compromiso coa música pasamos ao compromiso social dunha serie de álbums solidarios. Así, destacamos A sombra dos anacardios, (OQO, Qontextos), do poeta lugés Antón Fortes, con ilustracións de Simona Mulazzani, que contou coa colaboración da ONG, Asemblea de Cooperación pola Paz e que traslada á literatura infantil un tema tan difícil como necesario facendo que os lectores máis novos tomen consciencia das cifras estarrecedoras de nenos e nenas con sida. A problemática social tamén está detrás das intencións da escrita de Milu, (Kalandraka), dun Manuel Rivas que xa se estreara no xénero infantil do álbum co interesante e máxico O sombreiro chichiriteiro. O libro, con ilustracións de Aitana Carrasco e cuxos beneficios da edición están destinados á Fundación Meniños, aborda, con gran carga de emocións veladas, o tema das familias marxinadas e os problemas que as axexan como o alcoholismo, o abandono dos fillos e a desesperanza. Na mesma liña temática destacamos Caixa de cartón, (OQO, Colección Q), do vasco Txabi Arnal, con ilustracións de Hassan Amekan e tradución de Marisa Núñez, que narra con crueza as viaxes en patera e a supervivencia nas rúas e Cando non atopas a túa casa (OQO, Colección Q), de Paloma Sánchez Ibarzábal, con ilustracións de Joanna Concejo e tradución de Paco Liván, no que o regreso ao fogar se produce a través de camiños insólitos e oníricos que se tornan labirintos. Da mesma autora é O cazador e a balea, (OQO, Colección Q), con ilustracións de Iban Barrenetxea e tradución do castelán de Laura Rubio, ao que xa nos referimos.
Existen algúns nomes que, ano tras ano, aparecen no escenario e nunca defraudan, tanto pola súa capacidade, máis que notable, para crear mundos máxicos ateigados de tenrura como polos valores que as súas propostas encerran. É o caso de Fina Casalderrey á que, sen lugar a dúbidas, podemos considerar tamén unha das autoras de literatura infantil máis fecunda no 2010, dando ao prelo tres títulos de calidade (Un can no piso, Un saco de estrelas e E ti que farías por min?) así como a reedición en novos formatos dun conto xa editado Puag, que noxo (Galaxia, formato iPad). Son todas elas obras que nos remiten a unha fonda reflexión ética porque a súa é unha literatura con pequenas, case invisibles, receitas que tornan a vida un espazo máis habitable, con máximas semellantes ás que un día pronunciou aquel Principiño só no seu asteriode -que en galego falou por boca de Carlos Casares-: "O esencial é invisible aos ollos". Na mesma liña do francés Saint-Exupèry, a obra de Casalderrey ensina os modos de ver o importante e de vivir en harmonía e equilibro con nós mesmos e cos outros, sempre con reflexións agudas sobre as complexas relacións entre os seres humanos, ás veces, transformadas en clave de fábula e, daquela, protagonizadas por animais, como acontece en E ti que farías por min?, (Xerais, Merliño), ilustrado por un dos seus compañeiros artísticos máis queridos Manolo Uhía, con quen se complementa visualmente á perfección. Ou Un saco de estrelas, (Xerais, Merliño), ilustrada por Enjamio, obra tamén de recreación dun estilo moi querido pola autora pontevedresa onde o pedagóxico cede terreo ao poético a través dunha linguaxe fluída e sutil que nos permite o acceso a un mundo de fantasía no que non importa que as cousas sexan verdade ou mentira senón que sexan fermosas. O libro entretece infancia e vellez, medos e desexos, días e noites, utopías e esperanzas e reivindica o dereito á diferenza, deitando un saco de tenrura cun xesto amable ante o odio que move o mundo. Un can no piso, (editada por Galaxia en 2003 na colección "E que?" e reeditada en 2010 en Árbore, Os Duros), con ilustracións de Kristina Sabaite, amosa a capacidade da autora para se introducir na pel dos nenos e entender a súa maneira de relacionarse co mundo, con claves que son en si mesmas pedagóxicas porque, como dicía

Goethe, "todo o grande é educativo", é dicir, ensina, tanto polos tanto polos valores formais como polos cognitivos que encerra; por iso os libros de Casalderrey falan de que entenderse, soñar ou habitar os espazos con felicidade é posible se hai verdade, tenrura, humildade, cariño, amizade, respecto e vontade de entendemento, se os seres fican sen as súas máscaras e deixan a un lado a irresponsabilidade, como vemos nese can egoísta de E ti que farías por min? que non abala unha palla fronte á cadeliña traballadora capaz de se sacrificar para alimentar cada día ao gran galván que o seu compañeiro é. Tamén da palabra doutra das nosas autoras máis interesantes, Gloria Sánchez, gozamos este 2010 co humorístico, ás beiras do case grotesco ou negro, Florentino, o príncipe Quino, (Xerais, Merliño), con ilustracións de Xan López Domínguez, outra fecunda parella artística
Outro moitos dos títulos significativos, para todo tipo de públicos, é Un home impuntual, (Galaxia, Libros singulares, fóra de colección), de Xosé María Álvarez Cáccamo, con ilustracións de Manuel Pizcueta, protagonizado por un home para quen o tempo e a tiranía do reloxo se converten en algo absolutamente atafegante. Tamén, coma o anterior autor, procedente do mundo da boa poesía galega para adultos, cómpre destacar a primeira incursión no xénero infantil deste interesante poeta que é Xavier Seoane co título Filiberto e Sofonisba, (Tambre, Ala Delta), ilustrado pola pintora Ana Santiso ou o humorístico e crítico Animais, (Associaçom Galega de Lingua, A través das letras), de Sechu Sende. Tamén este ano desfrutamos dunha María Canosa que se condensa para ofrecernos un álbum para primeiros lectores que supón unha reflexión sobre a non importancia do tamaño e o afán de superación, Matías, un pito de campionato, (Galaxia, Árbore, Os Duros), ilustrado polo pintor ferrolán David Soler, que xa se estreara na ilustración para os máis novos con singulares álbums como Mouchiño mou ou o desigual pero interesantísimo e difícil reto que asume en Jan estivo aquí, onde establece un diálogo intertextual co flamenco Van Eyck e un dos seus cadros máis representativos O matrimonio Arnolfini.
A medio camiño entre álbum e banda deseñada, o prolífico e interesantísimo ilustrador Manuel Cráneo deixounos as dúas primeiras entregas dunha serie de ciencia ficción destinada a lectores de cinco anos en diante, cuxo protagonista é Pichüt, científico hirfló, do planeta de Aridôndia: Quen é Pichük: Diario de Pichük e As minchas de Aridôndia: diario de Pichük, (Everest Galicia, Ler é vivir).
Nun formato de álbum menos coidado, Baía Edicións dá ao prelo os libros da colección da personaxe Rodribico, escritos por Manuel Guisande e interesantemente ilustrados por Xosé Tomás, con catro títulos (Rodribico aprende a voar, Rodribico e a noite, Rodribico e o mar, Rodribico vai ao circo, Rodribico visita a cidade. Continuando coa mesma liña de álbum, no que prima o carácter educativo fronte á calidade da ilustración, Embora Edicións, (A igualdade conta), deu ao prelo os títulos: O país dos mandóns, O segredo de Flora e A urna dos desexos, con textos de Paloma Rodríguez e Cristina Justo e ilustracións de Spela Trobec. Para os primeiros lectores, na colección Tartaruga de Galaxia viron a luz Un baño de gargalladas de Rosa Llorente con ilustracións de Pablo Rosendo e Un soño na bandexa de Marine Lorenzo Corcoba con ilustracións de Ana Francisco.
Xénero minoritario: o teatro
Os galardóns de teatro convocados polo AGADIC recaeron sobre a peza Bon appétit, (Baía, Agadic, Biblioteca Dramática Galega), de Begoña García Ferreira, ilustrada por Fran Pedreira, que mereceu o VII Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques 2009, na súa modalidade infantil que viu a luz este 2010. A obra aborda, en clave cómica, as desventuras de Enrico Pastorelli, un cociñeiro feliz que, só tras desvelar unha das súas receitas estrela, "Confidencias de algodón en nube de chocolate e rosas", pode casar co seu gran amor Francesca. Tamén de receitas máxicas e outras beberaxes trata o último Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil que recaeu no escritor xa consagrado no xénero dramático, (Premio Barriga Verde por O punto da escarola e Premio Lazarillo pola peza dramática A noite da raíña Berenguela), Xosé A. Neira Cruz pola obra Sopa de xarope de amora, (Xerais, Agadic, Biblioteca Dramática Galega), na que aborda os problemas amorosos do doutor Amorodo e a súa cociñeira, dona Chismunda, cunha reviralvota modernizada a través do humor das comedias disparatadas, incorporando interesantes e divertidos xogos de palabras, onomatopeas e repeticións humorísticas que provocan divertimento nos máis pequenos. Dentro do xénero dramático, destacamos tamén Labyrinthus, (Everest Galicia, Punto de Encontro), obra que supón unha interesante contribución ao teatro para rapaces deste humanista e polifacético chantadés que é Xosé Lois García, con ilustracións de Xosé Cobas. Tamén cómpre mencionar a obra Reciclaxe, (A Pinguela: teatro escolar), de Fernando González Graña, así como a colección na que se edita, que dirixe Xosé Luna Sanmartín.
Xéneros de culto: banda deseñada versus novela gráfica
2010 significou tamén un pulo grande para o mundo da banda deseñada polo nacemento de El patito editorial, dirixida por Fausto Isorna e dedicada en exclusiva ao xénero, coa intención de dar ao prelo tanto os clásicos universais do xénero como os clásicos galegos que axudaron a consolidar a narrativa gráfica galega, a través de coidadas edicións que respectan as intencións orixinais dos autores, prologadas por sinaturas de recoñecido prestixio co obxecto de contextualizalas. Así, puxo nas mans dos lectores galegos a e casteláns As dúas viaxes de Xaquín Marín, (que contén Buscando outro mundo e A longa viaxe de volta dende as estrelas) e Stratos de Miguelanxo Prado, na tradución do castelán de Isabel Soto. Dentro dos clásicos foráneos podemos ler a Jack Mircala (Lóbrego romance, pálida pantasmas, na tradución de Isabel Soto); a David DeGilio, (Vento do Norte, ilustrado por Alex Cal e traducido por Pepe Sendón); a Josep Clark e Victor Gischler; a Ramón Marcos (Silvana, a filla do explorador:Os espíritos azuis, na tradución do castelán de Isabel Soto); a David Muñoz (A mansión dos murmurios) e a Sam Timel (O prezo da supervivencia).
O V Premio de Banda Deseñada Castelao, creado pola Deputación Provincial da Coruña, recaeu na obra Sen mirar atrás de Dani Montero, publicada en Demo Editorial, outra das editoras galegas implicadas na banda deseñada. A terceira editorial que traballa a prol do xénero en galego é Faktoría K de libros, que se especializou na edición, tanto de banda deseñada como da súa irmá xemelga, a novela gráfica, con suxestivos libros de imaxes para un amplo colectivo de lectores, entre os que non faltan os adultos. No ano 2010 deu ao prelo o interesante O burato do inferno, dos irmáns Trigo, texto de José Manuel Trigo e ilustracións de Ramón Trigo, que nos traslada á Galicia do século XIX para falar dos raqueiros, eses piratas de terra que a tradición sitúa en toda a costa occidental atlántica e que, cos seus fachos accesos, enganaban os barcos; O insólito ascenso de Madame Pol, de Nicolás Arispe, divertida e surrealista historia na que as ilustracións teñen o peso e a función de completar a brevidade dos textos; Historias do mestre raposo, de Bruno Heitz, na tradución de David Gippini, unha das obras literarias máis antigas escritas en francés, redactada en forma de poemas durante os séculos XII e XIII para parodiar a épica e a novela cortesá da época e Luis vai á praia, de Guy Delisle, banda dseañada sen palabras con trazos cinematográficos, onde a comunicación co lector se basea na forza expresiva das imaxes e no uso de figuras simbólicas para plasmar os diálogos desta historia dun día na praia na vida dun neno. Tampouco podemos esquecer o pulo que para o sector supón a revista BD Banda, dirixida por Kiko da Silva así como a aparición de clásicos consagrados como é Axtérix, (Ediciones Salvat), en versión galega de Isabel Soto, Valentín Arias e Xavier Senín, que deron ao prelo tres títulos máis do autor francés René Goscinny: Astérix o galo; Busca e atopa a Axtérix e O fouciño de ouro.
A celebración das letras Galegas. Homenaxes a Uxío Novoneyra
A celebración das Letras Galegas 2010, dedicada no 2010 ao poeta Uxío Novoneyra, trae consigo a aparición de interesantes libros conmemorativos que permiten achegar a figura homenaxeada aos máis novos. Tampouco neste campo faltaron libros interesantes. Como é habitual cada ano, Carme Hermida Gulías aborda o clásico en Sotelo Blanco Edicións, cun libro de ficción dedicado á figura homenaxeada; a súa contribución en 2010 foi Uxío Novoneyra: o gran lobo Blanco, con ilustracións de Doblelópez. Do mundo da banda deseñada Kike Benlloch deu ao prelo Uxío Novoneyra, a voz herdadaOs Eidos: libro do Courel, (Xerais); Do Courel a Compostela: 1956-1986, (Galaxia), así como interesantes antoloxías poéticas como Antoloxía poética, edición, escolma e limiar de Arturo Casas, (Galaxia); edicións bilingües Os Eidos: Libro del Courel/Uxío Novoneyra, edición e tradución Elba Rei (Ardora Edicións); outros formatos Canto de permanencia/Unha produción de Pixel Films, en formato DVD, editada pola AS-PG e textos de rescate como Tempo de elexía, (Alvarellos), edición ao coidado de Elba Rei. Dentro das biografías noveladas por escritores con rexistro e voz de seu, cómpre destacar os interesantes e intensos Folerpas de Nononeyra: Biografía e antoloxía, (Xerais), escrito por Fran Alonso e A distancia do lobo: biografía de Novoneyra, (Galaxia), escrito por Antón Lopo. con ilustracións de David Rubín (Xunta de Galicia). Aparecen tamén novas edicións de varios dos libros do autor como
Os nosos clásicos
Ademais do conmemorado cada ano no Día das Letras Galegas, a LIX galega amosa, dende os seus comezos, unha tendencia a rescatar para o público infantil e xuvenil os nosos grandes autores clásicos. Nesta liña debemos entender as obras Do A ao Z con Castelao: clásicos en voces contemporáneas,(Everest), escrito por Concha Blanco e ilustrado por Manuel Cráneo; Do A ao Z con Cabanillas: clásicos en voces contemporáneas, (Everest), escrito por Ramón Caride Ogando e ilustrado por Xosé Cobas; Do A ao Z con Uxío Novoneyra, (Everest), escrito por Francisco Fernández Naval e ilustrado por Manolo Uhía así como, na mesma liña pero centrado non xa na literatura dos nosos clásicos, senón na nosa historia máis antiga cun florecemento turístico recente do Camiño de Santiago, na palabra de Ana María Fernández, ilustrado por Luísa Vera O Camiño de Santiago: Do A ao Z, (Everest). Consideramos xa ao autor cangués un clásico das nosas letras infantís, por iso nos gustaría destacar neste apartado os interesantes libros que Bernardino Graña deu ao prelo O corvo que andou de pato e A raposa cor de mel, (A Nosa Terra, Contos do Bernardino), ambos con ilustracións de Anxo Fariña. Dentro das novas edicións de contos populares situamos As espiñas do porco espiño: conto popular dos indios chipewa de Abranhan Carreiro, autor e ilustrador, (A Nosa Terra, Contos que len outros nenos do mundo). Tamén destacamos o marabilloso libro Guía ilustrada da Galicia invisible: cidades, vilas e lugares desaparecidos, illas misteriosas,Xerais), de Antonio Reigosa, con ilustracións de Noemí López, no que, baixo a intención de agochar a Galicia dos soños, se nos ofrece unha descrición, para todo tipo de lectores, do noso imaxinario mítico, partindo dun mapa de Galicia no que se apuntan trinta lugares que dan lugar a trinta relatos, entendidos así polo tratamento literario que deles se fai. (
Clásicos da LIX universal
Resultado deste interese polos clásicos da literatura infantil e xuvenil universal son álbums como a poética adaptación que fai María Lado do clásico de Lewis Carroll Alicia no país das marabillas, (Do Cumio), con ilustracións de Ana Santiso Villar. No mesmo selo editorial aparece O gato con botas, de Charles Perrault, adaptado e ilustrado por Fino Lourenzo e O soldadiño de chumbo, (Do Cumio), de H. CH. Andersen, na adaptación de Rosa Fuentes, que tamén é a responsable das ilustracións. Unha versión distinta do mesmo clásico é a que fai a editorial Galaxia, da que xa alabamos a súa excelente calidade a adaptación (Galaxia, Árbore cinema). Carapuchiña vermella de Perrault é quizais o clásico que máis lecturas suscitou ao longo da historia. Así, podemos gozar de tres versións e lecturas insólitas do conto. As manopas de Carapuchiña, (OQO, Colección O), de Inés Almagro, con ilustracións de Mikel Mardones, traducido do castelán por Marisa Núñez, que vén sumarse á reitnterpretación do clásico coa complicidade do lector e da protagonista que se caracteriza pola ruptura do arquetipo físico dunha nena de trenzas loiras e cara doce e pola incorporación extravagantes personaxes novas. Un conto cheo de lobos, (OQO, Colección O), de Roberto Aliaga, con ilustracións de Roger Olmos e tradución de Paco Liván, no que prestenta un universo de lupus que conviven xuntos á espera de ser chamados ao próximo acontecemento literario mais, á alerta do lobo Papón, decátanse de que teñen fame e iso fainos moverse polas páxinas do conto a través de aloucadas e alegres ilustracións. Unha versión distinta, dirixida a un público mozo, é a de Ánxela Gracián titulada Carapuchiña en rose,(Everest, Punto de Encontro), ilustrada por Manuel Cráneo, onde se aborda a peripecia dende a violencia de xénero. Do mundo da banda deseñada, chéganos a versión de Martín Powell Carapuchiña vermella, (El Patito Editorial), na versión galega de Isabel Soto. Tamén resultan sempre actuais os irmáns Grimm; deles destacamos a excelente edición d´Os catro amigos, (Kakandraka), con tradución de Marc Taeger e Xosé Ballesteros e fermosamente ilustrado por Gabriel Pacheco.
Dos clásicos infantís contemporáneos podemos gozar d´Os petos de Loreto, (Kalandraka), de Quentin Blake, na tradución de Pilar Martínez; Que fai falta, (Kalandraka), de Gianni Rodari, con ilustracións de Silvia Bonnai e O tigre que veu tomar té, (Faktoría K de libros), de Judit Kerr, exiliada en Europa tras o réxime nazzi (que conta en galego tamén coa obra Cando Hitler roubou o coello rosa), todos eles clásicos contemporáneos cos que medraron varias xeracións de lectores.
Outros clásicos universais de todos os tempos viron a luz en fermosas adaptacións como Canción de Nadal, (Do Cumio), de Charles Dickens, versión de Rosa Fuentes; Pinoquio, segundo a novela de Carlo Collodi, (Baía, Grandes Clásicos Adaptados), de Guillaume Frolet, versión galega de Ana Buján; 20.000 leguas baixo dos mares, segundo a novela de Jules Verne, (Baía Grandes Clásicos Adaptados), texto de Virginie Hanna, adaptación ao galego ASLI, Santiago SC; A illa do Tesouro, (Baía Grandes Clásicos Adaptados), segundo a novela de Robert Louis Stevenson, tradución ao galego ASLI Santiago SC; O libro da selva, (Morgante), de Rudyard Kipling, traducido ao galego por Rafael Salgueiro e A granxa dos animais, (Faktoría K de libros), de George Orwell, traducido por Fernando Moreiras.
Literatura contemporánea traducida
Aínda que xa fomos citando os álbums que saen ao mesmo tempo nas catro linguas peninsulares, os libros de banda deseñada así como os clásicos universais vertidos ao galego, reservamos este apartado para falar de novelas actuais traducidas principalmente das linguas peninsulares de autores contemporáneos vivos que se converteron nunha referencia tanto pola calidade das obras como pola súa traxectoria.
En primeiro lugar, destacamos a famosa serie tan querida polo público infantil Gerónimo Stilton, do que se traduciron Unha aloucada viaxe a Ratiquistan e A carreira máis desatinada do mundo, (Destino), na tradución de Isabel Soto. Continuando cos bet sellers verteuse ao galego Reckles, Carne de pedra, historia atopada e contada por Cornelia Funke e Lionel Wigra, (Xerais), da alemá Cornelia Funke, traducida excelentemente por María Xesús Bello Rivas. Tamén, como todos os anos, viu a luz en galego o Premio Edebé Xuvenil, Palabras envelenadas, (Rodeira, Periscopio), da consagrada escritora catalá Maite Carranza, na tradución do catalán de Ricardo Fernández Sabín. Outra das interesantes traducións tanto polo peso da temática, na que se aborda o tema da emigración a outro país e da saudade do que deixamos atrás, como pola forza da autora, unha referencia dentro da literatura arxentina actual, premio Fundación SM, entre outros, é Stéfano, (Galaxia, Costa Oeste), de María Teresa Adruetto, na tradución do castelán de Ánxela Gracián. Continuando coas lecturas xuvenís, podemos gozar d´A cripta do apóstolo, (Xerais, Fóra de Xogo), do catalán afincando en Galicia Pere Tobaruela, traducido do castelán por Ana Boullón. de actualidade
Para lectores infantís podemos ler a anual tradución do Premio Edebé Infantil que este ano recaeu na obra Meu irmán, o xenio, de Rodrigo Muño Avia, na tradución de Ricardo Perez Sabin e Jordi Sempere. Cama e conto, (Xerais, Sopa de libros), do tan querido entre nós Gonzalo Moure, na excelente e coidada tradución de Fran Alonso así como dous interesantes títulos A xogar e Voume bañar dun autor novo, de nacionalidade flamenga, Liesbet Slegers, na tradución dende o castelán de Ignacio Chao.
Outros modos de ensinar. Libros a medio camiño entre a ficción e o libro de texto.
Son xa moitas as editoras galegas que poñen no mercado libros que ofrecen a lectura como estratexia para se achegar aos contidos didácticos. É o caso dos libros didácticos de filosofía para as aulas Antón; Lara; María; Óscar; Salvatore, (Everest), redactados pola Asociación de Filosofía para Nenas e Nenos de Galicia e ilustrados por María Corleone. Nesta mesma liña destaca o libro de Carlos Gl. Figueiras Quero saber onde se agacham as cores: Três tristes sonhos de princesa, gañador do 1º Concurso Internacional Galescola de creación de material didáctico infantil, publicado pola Asociaçom Vogal. Continuando co campo da didáctica aplicada, nesta ocasión ao campo das ciencias naturais, cómpre destacar os libros de Víctor Raga, Descenso ao barranco do Demo: Explora as paisaxes da Terra co sñeor Viramontañas; Un día na granxa: Explora o mundo animal co señor Viramontañas; Un furacán chamado Otilia: Explora o corpo humano co señor Viramontañas; Un veciño cheo de sorpresas: Explora o Universo co señor Viramontañas, (Xerais). Tamén, a medio camiño entre o informativo e o fantástico, son os percorridos polos distintos Camiño de Santiago, que Pere Tobaruela e Ana Boullón, con ilustracións de Andrés Meixide (La Voz de Galicia), dan ao prelo para os máis novos.
Os adultos descobren a literatura infantil e xuvenil
En primeiro lugar, destacamos os traballos de investigación aplicada a literatura infantil e xuvenil galega e portuguesa, con vontade de transversalidade e lecturas comparadas, Maré de livros, coordinado por José Antonio Gomez, coa participación de Isabel Mociño, Ana Margarida Ramos e Blanca-Ana Roig Rechou (Porto, Deriva) así como Reescrituras do conto popular (2000-2009), coordinado por Blanca-Ana Roig Rechou, coa particpación de Isabel Soto, Marta Neira, María Jesús Agra Pardiñas (Xerais), forxado dentro da LIJMI, Rede Temática de Investigación que agrupa investigacións conxuntas do ámbito ibérico. Menos exhaustivo que os anteriores pero tamén de interese resulta Unha década de literatura infantil e xuvenil,(Morgante), de Héitor Mera Herbello, que recolle un total de trinta e catro recensións publicadas en diversos medios de comunicación e unha introdución á modo de panorámica.
1O meu agradecemento á Biblioteca Nova Caixa Galicia polo fornecemento exhaustivo de datos e préstamo de materiais cos que se realizou este anuario.
2Escritora, tradutora e editora. Colabora habitualmente como crítica de literatura infantil e xuvenil en revistas como Fadamorgana, Tempos, Etruria. Revista independiente de literatura juvenil e foi membro da Rede de Selección da Fundación Germán Sánchez Ruipérez. Actualmente é vicepresidenta de Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil).
Edita:
AGE (Asociación Galega de Editores)
Rúa das Hedras 2, 2º F 15895 Milladoiro AMES
Tlfno. 981 570 937
age@editoresgalegos.org
www.editoresgalegos.org
Presidente: Manuel Bragado Rodríguez
© Asociación Galega de Editores
Esta revista é publicada coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.



