lunes, 28 septiembre 2009
Vintecino editoriais galegas participarán no Salón Liber 2009, que este ano terá lugar nas instalacións de IFEMA, en Madrid. O stand galego, patrocinado pola Consellería de Cultura, contará coa mostra das novidades editoriais galegas. O encontro profesional dos editores inaugúrase o día 6 de outubro no Auditorio de Convencións Sur, na 2ª planta do edificio central de IFEMA. A continuación tera lugar a festa Liber e o cóctel de CEDRO.
O día 8 ás 13:00 horas terá lugar o xa tradcional viño galego que os patrocinadores e os editores ofrecen aos seus convidados: representantes dos gremios integrantes da FGEE, Casa de Galicia en Madrid, xornalistas, escritores, empresarios galegos residentes nesa cidade, etcétera. O acto contará coa presenza do Director Xeral de Cultura, Francisco López Barxas, e do Presidente da AGE, Alfonso García Sanmartín. No serán desa mesma xornada terá lugar unha mesa redonda na que se debaterá sobre Xornalismo e Literatura, e na que participarán os escritores galegos: Luísa Castro, Carlos Reigosa, María Canosa e Xosé Carlos Caneiro.
Presenza internacional
Máis de 1.000 profesionais de todo o mundo están convidados a participar no Liber, tendo como obxectivo o apoio ao fomento das relacións comerciais do sector editor. A Federación de Gremios de Editores de España, que promove a feira, puxo en marcha diversos programas de actuación dirixidos aos compradores internacionais de máis de 70 países. Así mesmo viaxan e participan no evento máis de 100 personalidades do eido internacional do libro, responsables de políticas de educación, fomento e promoción do libro, bibliotecarios de universidades americanas, catedráticos e outros representantes de institucións e organismos públicos, amáis do sector do libro de España.
A feira tamén puxo en marcha o programa de convidados de ámbito estatal que reunirá a distribuidores, libreiros e bibliotecarios, amáis de diferentes accións promocionais de especial interese. Participan en Liber 700 empresas procedentes de 20 países e preto de 800 fondos editoriais.
Foto :Arquivo AGE-2008
Enlaces