lunes, 05 julio 2010
Cada vez que España gaña un partido en Suráfrica, o mundo do libro encaixa un gol en Vigo. Non é a teoría do caos nin unha revisión do popular efecto bolboreta; é unha faena para os escritores que van quedar sen facer promoción na Feira do Libro ante a perspectiva, pouco gorentosa, de ter que facelo mentres a escasos metros os seareiros da selección española animan os seus diante dunha pantalla xigante. A Praza de Compostela é grande pero non tanto, e para evitarlle semellante calvario a Suso de Toro, Xerais decidiu cancelar a presentación de Sete palabras prevista para o sábado á mesma hora que o partido contra Paraguai. Non ía ser a última cancelación.
Cando Villa marcou o sábado o único gol da selección española fronte ao cadro guaraní, o que lle valía o pase a semifinais, Marcos Calveiro tirou a toalla e lanzou unha mensaxe a través de Twitter: "Marcos Calveiro, 0 - La roja, 1. O mércores non presentarei o meu libro na feira do libro grazas ao Concello de Vigo. Fútbol si, cultura non". Gol de España, literatura en fóra de xogo.
Calveiro debía presentar na alameda O pintor do sombreiro de malvas, Premio Lazarillo 2009, acompañado polo ilustrador Ramón Trigo e o editor Manuel Bragado. O acto estaba convocado para as oito e media da tarde do mércores, pero á mesma hora os de Vicente del Bosque xóganse o pase á final contra o once xermano que humillou a Arxentina en cuartos. Parece difícil competir en decibelios cos seareiros que se citen na Alameda para seguir o partido na pantalla instalada polo Concello de Vigo e Caixanova.
Ao director de Xerais tampouco lle fixo demasiado chiste. O título da anotación no seu blog (bretemas.blogaliza.org) é abondo elocuente: "A pantalla xigante magoa a Feira do Libro de Vigo". A Manuel Bragado non só lle preocupa ter que suspender os actos previstos pola súa editorial, senón a "falta absoluta de respecto e sensibilidade para a cultura do libro e a lectura" que demostran as institucións ao instalar a pantalla xigante no "xardín histórico" no que a Feira do Libro se celebra dende hai 36 anos.
Fonte: Xornal de Galicia
Enlaces
Copyright © AGE, Asociación Galega de Editores
Asociación Galega de Editores
Rúa das Hedras 2, 2º F 15895 Milladoiro AMES
Tel.: 981 57 09 37
Una manera de hacer Europa
PR521A_2011_16231
PLAN DE FORMACIÓN E
DEMOSTRACIÓN PRÁCTICA PARA O
USO E
ADMINISTRACIÓN DA
PLATAFORMA DE DISTRUBICIÓN
DE LIBROS E
CONTIDOS
DIXITAIS
"FONDOS PUBLICOS"
Copyright © AGE, Asociación Galega de Editores
Este proyecto está cofinanciado por Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER),
Ministerio de Industria, Turismo e Comercio,
Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica),
Plan Avanza.