viernes, 02 julio 2010
"Si prefieres que tus hijos estudien en español, te ayudaremos", destaca o blog amigosdegaliciabilingue.blogspot.com. Aínda que o nome deixa clara a súa vinculación, a web de Galicia Bilingüe (GB) asegura que é obra "dun grupo de pais anónimos" e "independentes".
No blog, estas persoas dan todas as instrucións para evitar que os seus alumnos reciban as materias que deben darse en galego neste idioma e incluso recomendan "mercar a versión en español para Asturias e Castela e León". Logo, eles encárganse de traducir a parte específica de Galicia e en galego para que, entre outras cousas, os rapaces "comprendan e interioricen o que aprenden, melloren a ortografía en español e eviten mestura de códigos".
Galicia Bilingüe, presidida por Gloria Lago, pretendeu facer estas traducións, desistiu ante a ameaza dunha denuncia que agora pode recaer sobre este blog. Alfonso García Sanmartín, presidente da Asociación Galega de Editores, xa advirte que "se está a consultar ás editoriais afectadas e a xuristas" para valorar "unha posible denuncia" ante a vulneración dos dereitos da propiedade intelectual. "É unha parvada máis froito da politización que se está a facer da lingua; que eu saiba, e agás casos excepcionais, non hai ningún galego que non entenda o seu idioma", engade.
Fonte: Xornal de Galicia