Asociación Galega de Editores

Impresora Email

Isabel Pires, ex-ministra de Cultura de Portugal, aposta polas oportunidades da cultura en tempos de crise

viernes, 18 junio 2010

Noticia:Isabel Pires, ex-ministra de Cultura de Portugal, aposta polas oportunidades da cultura en tempos de crise

Isabel Pires de Lima, catedrática da Facultade de Letras da Universidade do Porto, ex-deputada da Assembleia da República e ex-ministra de Cultura de Portugal (2005-2008),  fixo onte un chamamento para "aproveitar as oportunidades da Cultura en tempo de crise" no curso dunha conferencia pronunciada no Consello da Cultura Galega. A ex-ministra falou sobre "A cultura e o novo mundo novo" no marco  do seminario interdisciplinar "O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s)" organizado polo CCG e coordinado polo profesor Ramón Maiz.

Isabel Pires de Lima, presentada por Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, afirmou que, cada vez máis, a cultura representa un eixo fundamental no desenvolvemento e definición das estratexias económicas, sociais, tecnolóxicas e educacionais que poden estimular a producción de contidos creativos innovadores, que representan, asemade, un crucial factor productor de riqueza e competitividade. Aludiu as mudanzas que levan a encarar de modo novo as relacións estreitas, xeradoras de enormes sinerxias, xa non entre economía e cultura ou industrias creativas e cultura, senón tamén entre educación e cultura, turismo e cultura,  diplomacia e cultura. Por iso, asegurou, ábrese para a Cultura un novo mundo novo.

Lembrou tamén o feito de que as sociedades modernas, caracterizadas por movimentos migratorios, son cada vez mais sociedades multiculturais que requiren o contributo da comprensión e do diálogo cultural para a súa coesión e para impedir erguer barreiras entre sociedades culturalmente diferenciadas. Por esa razón a diplomacia fai hoxe da cultura un dos máis activos pilares de política. Velaí outro espazo de oportunidades da Cultura, que xa abertamente se chama diplomacia cultural.

"Creatividade e innovación"

A ex-ministra de Cultura de Portugal considerou de primordial importancia desenvolver unha nova e máis ambiciosa acción para o sector cultural, baseada en estratexias integradas e coordenadas que reforcen a súa ligazón efectiva ó mundo real. Desde a súa análise entende que as políticas de cultura están destinadas a gañar máis espazo e coerencia na gobernación europea.

"Creatividade e innovación. Innovación e competitividade. Competitividade e negocio productivo. Negocio productivo e emprego. Emprego e posibilidade de benestar. Benestar e ocupación lúdica e espiritual. Así é a Cultura no limiar do  século XXI: un novo mundo novo á nosa espera. Deberiamos saber aproveitar e explorar a oportunidade en tempo de crise", concluíu Isabel Pires de Lima.

Fonte: CCG

 


Copyright, Aviso Legal, Política de privacidade e Accesibilidade

Con el patrocinio de:
Cedro


¿Olvidó su contraseña?